Salvador de Madariaga, esa Europa perigosa

Emilio Grandío Seoane
Emilio Grandío DECOTÍO

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe en día, entre os tambores de guerra asomando de xeito obsceno e desatado en todo o mundo, no medio dunha globalización que derivou en multilateralismo, e nun proceso desaforado de «normalización» dos atentados aos dereitos humanos, aínda resiste unha pequena illa que nada contra corrente. Chamase Europa: un sono feito realidade para moitas xeracións, como a de Salvador de Madariaga. Dende aquel Don Quijote de Manchuria da Sociedade de Nacións nos anos trinta, polo que foi nomeado para premio Nobel da Paz en xuño de 1936, ata acadar o «exclusivo» premio Carlomagno en 1973, houbo un longo camiño no que se construíu o futuro. O presente que temos.

Parafraseando ao historiador Keith Lowe, ese «continente salvaxe» tocou fondo, e de que maneira! Aí só había unha opción: sacar a cabeza de debaixo da auga e arriscar. Había que propoñer alternativas a un mundo totalitario que venceu cun inicial atractivo de modernidade ás vellas democracias parlamentarias dos anos trinta, as que, por certo, propiciaron de xeito silencioso a chegada dos autoritarismos a través dos seus propios mecanismos de representación.

Eran contos nos que os chamamentos a unha presunta unidade na nación engaiolaban, seducían e mesmo convencían. E non só ás masas —ese grande medo dos trinta—, senón tamén a elites ben formadas. Mais cando se pasou do engaiolante relato á práctica do poder xa non foi doado dar marcha atrás. A liberdade individual pasou a un segundo plano en beneficio dun colectivo imaxinario que non tiña nada detrás, só fume. Relatos vacuos que agachaban unha práctica do poder brutal e desapiadada.

A aquelas xeracións tocoulles a necesidade de pensar como frear a repetición daquela barbarie e obrigoulles a replantexar moitas cuestións ata daquela intocables. O crucial era a perda de credibilidade e frustración sobre a clase política. Madariaga foi daqueles que sempre remaba contra corrente. Un intelectual crítico e inquedo. Aínda de tantas prédicas sen froito, aparente sabía que a súa acción, que a influencia do seu relato, que a súa enorme capacidade de tecer redes de relación… terían o seu momento. Non se veu abaixo cando nos primeiros meses da Guerra Civil española as súas tentativas internacionais de acadar a paz non foron escoitadas. Non se derrubou cando a ditadura franquista foi gañando terreo no mundo occidental tras 1945 sen recibir o tratamento de Estado «fascista». Non desistiu cando ese ansiado e traballado obxectivo da reunión da oposición democrática no entorno do Movemento Europeo en Múnich en 1962 rematou mesmo en represalias. Madariaga era para a ditadura española un home «perigoso»: porque construíu unha Europa de tolerancia, porque rexeitou todos os ofrecementos do franquismo por retornar a España, porque pensaba de xeito crítico e libre… Calquera consulta da súa voz persoal a través da súa correspondencia amparada no Instituto José Cornide así o avala. Porque sabía que o futuro, por moito que nolo neguen, sempre existe.

Aqueles esforzos seus e de moita outra xente fixéronse realidade. Non só unha chegada «transitiva» da democracia a España, que tivese asinado perfectamente, senón sobre todo o que chamamos hoxe Unión Europea. Segue a ser unha realidade duradeira na que os dereitos humanos, a educación e a convivencia permiten vacinar a nosa sociedade fronte a imposición dos perigos de crer nunha «verdade única».

Dende ese pé que moitas veces tocou fondo, Salvador de Madariaga foi quen de dedicar toda a súa vida a traballar —dende o seu conservadorismo— pola construción dunha sociedade de respecto, tolerancia, debate e asistencia ós mais desfavorecidos. Nomes que precisan recoñecemento. Nestes intres, moito mais do que pensamos.

De verdade que esa Europa é perigosa? Para quen?