Bulos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

15 jun 2024 . Actualizado a las 19:11 h.

Os resultados das eleccións europeas en España foron os previstos, agás a irrupción dunha nova forza política chamada Se Acabó La Fiesta e dun novo líder que, co pseudónimo Alvise Pérez, obtivo 900.000 votos e tres deputados. Como? Dando ao seu electorado o que o seu electorado quere: risas e trolas. Alvise minte, difama e argalla bulos contra os inimigos que elixe na esquerda e faino porque conta cun electorado de homes e mulleres masa, dispostos a tragar como panchos a carnada que lles bote. Isto é o grave: nunca os homes e as mulleres masa foron tantos e tan manipulábeis e manipulados como hoxe. Nin Ortega podería imaxinar un andazo semellante. Porén, con ser moi grave, non é o máis grave. O verdadeiramente grave é o desprezo que pola verdade mostran individuos da elite intelectual, aos que en boa lóxica cumpriría atribuír certa conciencia ética. Non é así. Levamos décadas vendo como se falta á verdade na arte, na historia, na ciencia, na xustiza, na política… A frivolidade é un signo do noso tempo. Os casos son incontábeis en cada eido, pero no da comunicación hai un que me ten desnortado desde hai anos.

Federico García Lorca e José Antonio Primo de Rivera coñecéronse en 1934 e fixéronse amigos. Ceaban xuntos os venres, discretamente, sabedores de que a trascendencia pública daquela amizade non lle interesaba a ningún. Sabíano Gabriel Celaya, Pepín Bello e Luis Rosales; pero os tres calaron o secreto e secreta foi aquela relación ata que Jesús Cotta falou dela no libro Rosas de plomo, en 2015. Pouco despois, a escritora Carmen Gómez Ojea publicou en Nueva España o artigo Ochenta primaveras, no que dicía: «Hace ochenta años Federico García Lorca y José Antonio Primo de Rivera vivieron su última primavera y no volvieron jamás a reír juntos en la risueña estación de las flores, en la que habían empezado a tratarse como amigos, amantes, qué más da, pues lo sustancial es que hacía tiempo que se gustaban, simpatizaban, se miraban con ojos tiernos en La Ballena Alegre, donde cada uno tenía su tertulia, y se comunicaban mediante mensajeros que hacían de celestinos y correveidiles, en un juego y trasiego constante de notitas. Su relación sentimental, carnal, amorosa o de amistad empezó porque el jefe de Falange amaba la poesía y el escritor andaluz la hacía».

A que vén esta parvada? Isto poderíao dicir Alvise Pérez, que é un bufón, un xoglar e un pícaro, todo nun; pero Carmen Gómez Ojea era unha dama das letras cando quixo botarse de progre e mostrouse ignorante e lareteira como as porteiras dos sainetes. O éxito electoral de Alvise e a frivolidade literaria de Carmen Gómez Ojea proban a crise de racionalidade que vivimos.