A cidade difícil

Xerardo Estévez
xerardo estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

A cidade de Madrid
A cidade de Madrid Denís E. F.

17 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ruar e perderse polas periferias recónditas, pensar e poñer en cuestión o pensado, vecindar cos propios e cidadanear cos globais. Moverse entre luces e sombras, olores e sons, ler, escribir, sorprendernos, gozar da cultura da cidade, interpretar e comparar a historia que nos contan coa cidade do noso tempo, metade imaxes irreais, metade formigón e ladrillo. Deixarse levar cara aos montes próximos para outear a paisaxe como se fose unha foto e seguir o protocolo diario da visita do sol, ata que a noite converte a cidade nun lugar sombrío, silencioso, turbado por voces xuvenís e luces distorsionadas.

A cidade é un grande invento, un sumario de alma e negocio, un gran cemiterio das cinzas da humanidade pretérita cercado de pedras monumentais que nos miran pasar coa actitude un tanto cínica porque elas permanecen; se as descifraramos, narraríannos a historia real que se agocha tras do mito. A cidade sincopada, da efervescencia creativa e o marasmo, que destruíu sen compaixón as estéticas burguesas e populares ao compás dos espasmos inmobiliarios que colocan a cadaquén no sitio que economicamente lle corresponde, arredando os máis débiles; aquela dos anos 1980 onde houbo que estiñar as feridas da barbarie construtiva dos setenta, a da burbulla do 2008 cando un mercado desenfreado construía 450.000 vivendas ao ano, non se sabía para quen, sen querer escoitar os que prognosticabamos o que ía pasar. E agora, outro quentamento dos prezos.

A cidade é, ao tempo, clásica, moderna, vangardista, contemporánea, cun pensamento para xustificar cada «ismo», esquecendo quizais que a verdade e a razón trabállanse cada día. A cidade que se nega a asumir os seus paradoxos, que reclama migrantes para alimentar o mercado pero non quere saber onde van vivir, onde a vivenda é un oxímoro entre o habitáculo e o negocio; onde os fondos de investimento de pensións son os mesmos que poden desafiuzar o teu veciño; a que rehabilita e logo especula, oculta a pobreza infantil e a soidade, anhela os beneficios do turismo e deplora as súas consecuencias, reivindica o comercio de proximidade e aluga a franquías miméticas, exhibe bos modais ao andar pola rúa e os malos modos cando conducimos un coche…

A cidade, na que hai tantas morais como individuos, necesita unha ética común para que non sexan as crises as que a poñan en razón. Non caben as fórmulas simples: nin a esquerda se limita só a regular, nin a dereita só a especular. A cidade é difícil, senón non sería cidade, por iso nos gusta tanto, e tamén nos desgusta.