A contestación a pregunta do título é si, se temos en conta a situación actual da universidade e non se temos en conta como debería ser esta institución. Nos anos oitenta do pasado século a porcentaxe de aprobados nas EBAU estaba en torno ao 70 % e hoxe pouco falta para chegar ao 100 %, mentres que a preparación dos estudantes non mellorou tanto como para xustificar esta diferenza. España está por riba da media europea en número de alumnos que acceden ao ensino superior, pero cun índice de fracaso escolar maior ao rematar o ensino secundario. Esta situación provoca sobrecualificación e como consecuencia que o noso país teña a segunda taxa de paro máis alta neste colectivo. Por suposto que se debe fomentar a equidade educativa, na que por certo Galicia atópase nos primeiros postos, pero o que non debe ocorrer e que os rapaces, con independencia da súa procedencia, entren na universidade sen a capacitación adecuada.
Por varias razóns o nivel de esixencia desta institución ven adaptándose aos alumnos de Bacharelato, en vez de ser á inversa. A presión social, un falso concepto da igualdade de oportunidades, a confusión entre esixencia e imposición así coma o nefasto Plan Boloña, deron orixe a unha absoluta depreciación das titulacións superiores que, a pesar de todo, seguen a ser a principal aspiración académica das familias, orgullosas de titulados universitarios aínda que estean no paro e en moitos casos tamén frustrados a nivel persoal.
As EBAU son útiles para elixir a aqueles estudantes que queren acceder a graos con notas de corte altas, pero a grande maioría dos que aproban raspado carecen da cualificación necesaria para afrontar o que deben ser uns estudos superiores. Á marxe dos coñecementos e rigor intelectual que se presupón debe posuír a universidade, hai unhas competencias e actitudes básicas e imprescindibles que obviamente débense consolidar nas etapas anteriores. Un alumno non pode acceder a esta etapa educativa sen un dominio absoluto das técnicas de expresión, comprensión e razoamento, así como un hábito consolidado de traballo intelectual.
E estas son precisamente as primeiras carencias que se observan nas aulas universitarias, que en moitos casos estanse a converter en clases de ensino secundario, por non dicir, nalgúns graos, do primario. As consecuencias son, por unha parte a baixada de nivel para adaptarse a unha maioría que vai retrasada, e por outra unha desvalorización dos títulos, tanto a nivel de formación persoal como de cara á inserción no mercado laboral.