
A idade dos candidatos volve erguer a pregunta de se non habería que lle poñer un límite máximo aos anos da política activa, a xeito de xubilación obrigatoria. Coñecemos persoas de oitenta ou noventa cunha cabeza prodixiosa, capaz de gobernar a súa vida e a dos demais. Pero non é o caso nin de Trump nin de Biden. As esixencias tan demandantes que se aparellan ao cargo precisan dunha mente aguda e dunha resistencia física que ature esas axendas interminables, con responsabilidades nacionais e internacionais. Por iso, a preocupación é lexítima, sobre todo, pola deriva da saúde mental de quen aspira a dirixir un país tan poderoso como é o de Estados Unidos.
Todos coñecemos casos de xente que non dá un paso atrás nin que os maten, que non aceptan a idade e a realidade da súa vellez, un estado que pode ser marabilloso cando se ten saúde e experiencia, pero que non está pensado para certas actividades que xeran estrés e para as que cómpre unha capacidade de adaptación importante, afeita a novos desafíos, a transformacións tecnolóxicas e sociais. Non sei en que quedará a cousa, pero o caso dos candidatos lévanme a unha vella compañeira da Coruña. A pobre levábase mal co paso do tempo e montou unha ficción absurda sobre a súa idade, que agachaba cunha teima asombrosa. Fixo o que puido para prolongar a xubilación ata o límite, endexamais amosou o seu DNI, agachouse en capas de maquillaxe e botou man de expresións tan ridículas coas que rexeitaba asumir mesmo a condición de avoa, referíndose aos seus netos coma os fillos do seu fillo. O malo é que ela ocupou un posto de traballo máis do debido, cando xa había tempo que non era quen de gobernar nin a súa propia cabeciña. Veremos se o vindeiro presidente rexerá, ou a súa cabeza andará polas silveiras.