A terra de Xusto

Manuel Blanco Desar
manuel blanco desar MEMBRO DO PADROADO DO MUSEO DO POBO GALEGO

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín a Xusto a raíz dunha entrevista en La Voz, na que se lle preguntaba cal era o maior problema de Galicia. Xa recibira o Premio Nacional de Ensaio. Impresionoume tanto que quedei con el a xantar na residencia da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén viñera a profesora Radl e outros colegas para falar dese problema. De aí a uns meses chamoume para colaborar co Museo do Pobo Galego. Nunca llo poderei agradecer abondo.

Coñecín a un home dunha peza, dos que non quedan. Coñecín a súa historia, sobre todo no funeral da súa dona e grazas aos seus fillos. Descubrín unha mente cartesiana, enxeñeiro industrial por imposición do seu pai, que viviu un tempo de dar clases de matemáticas. Iso fixo que fose un historiador inimitable, un historiador con método. Se nacera noutros lares tería sido un Mommsen ou un Peter Brown. Mais Xusto elixiu ser galego, máis galego cós galegos nados en Galicia de pais galegos. Bendito sexas.

Teño mágoa. Mágoa de non ter falado máis con el, de aprender máis con el. Chegou a pandemia e esfarelou as conversas. Nos últimos tempos falabamos do Panteón, da vergoña que daba ter así aos nosos devanceiros, e do que pensarían os escasos nenos que contemplaran as manchas de humidade de Bonaval. Pero ao cabo conseguímolo dende o MPG. O noso Parlamento aprobou por unanimidade a lei que velará por el. Ti mantiveches aceso ese facho nun país de miopes e cegos.

Penso nos demais que che coñeceron e que terían mellor dereito a escribir estas liñas. No profesor Reboredo, en Fuco Sanjiao, en Lino Lema, en Concha Losada, que seguen traballando arreo e de balde pola lembranza dun país que esmorece e avellenta. Un país sen petrucios, sen muíños de herdeiros e case sen herdeiros. Pero fica Beramendi, os seus fillos e netos, a súa obra e o seu testemuño vital. Adeus, caro amigo. Grazas polos teus consellos para educar aos fillos. Grazas por ter chegado a Galicia e sementar aquí coa túa querida Carmen. Grazas polo teu xenio e por eses pitillos que fumabas cando non debías. Perdón polo tempo perdido. Algo queda. Algo ficará, non só bágoas. Xusto.