Esquerda e industria

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

06 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Épropio da dereita lanzar contra a esquerda acusacións que de tanto repetilas ata quen as argalla remata créndoas e incluíndoas no Manual de defensa e ataque ante o roxerío, que todo bo conservador debe levar na memoria. Unha das máis manidas en Galicia é que a esquerda se opón á industrialización do país e, en consecuencia, ao progreso; e políticos e creadores de opinión fan risas «dos do non», uns parvitolos con pancartas e bandeiras que rexeitan a instalación de calquera industria, para termos unha Galicia verde que te quero verde.

  

A orixe do tópico está na «navallada» que a oposición a Franco viu na autoestrada do Atlántico, que nunca tan ben explotado foi un mal xuízo. Porén, o tópico da dereita desmóntase coa memoria porque eu non vin manifestarse a esquerda contra as instalacións de Citroën e Coren nin de industrias de maquinaria, madeira, alimentación… En Ferrol a esquerda non se opuxo á creación de Astano, Pysbe, Fenya, Peninsular Maderera, e Fábrica de Lápices. En troques, vina mobilizarse contra o peche de todas elas e contra a reconversión naval.

A esquerda maniféstase, con razón, contra as industrias altamente contaminantes, que sempre prometen non danar o contorno. Tamén Filgueira Valverde tiña un documento asinado por responsábeis da celulosa garantíndolle que a ría de Pontevedra seguiría sendo un pequeno edén.

Como confiar na racionalidade dun sistema que revoluciona o mundo coa enerxía atómica e non pode eliminar os residuos, que inventa o plástico e non sabe destruílo?

Como crer na ética capitalista cando desde os anos setenta sabemos que o amianto é canceríxeno e nos Estados Unidos, onde mata 40.000 persoas ao ano, prohibiuse totalmente o pasado mes de maio?

En España expertos neumólogos pediron o veto en 1984, pero o Goberno de Felipe González estableceu unha moratoria e só restrinxiu os niveis de exposición dos traballadores. Non se prohibiu ata o 2002.

Non hai contradición en opoñerse a unha industria nova que ameaza o equilibrio ecolóxico e defender postos de traballo coa continuidade das existentes. E iso fai a esquerda que se manifesta contra o peche da central térmica das Pontes, de Alcoa, e manifestaríase contra a clausura das canteiras de granito, pizarra e mármore, causantes da actual eclosión da silicose en Galicia.

Proba do pouco que ao capitalismo lle importa o planeta témola na conversión do continente africano nunha inmensa cloaca e na imparable deforestación da Amazonia. O 22 de xuño, Día Mundial dos Bosques Tropicais, taláronse 1.700.000 árbores.

A esquerda non pode calar.