O moito que nos une

José López Campos
José López Campos CONSELLEIRO DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE DA XUNTA DE GALICIA

OPINIÓN

ANA GARCIA

13 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco menos de tres meses que o presidente Alfonso Rueda decidiu confiar en min para exercer como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. Asumín o posto con ilusión, convencido do gran compromiso que supón traballar por Galicia e baixo a premisa de que é moito máis o que nos une que o que nos separa. Esta é unha frase que ao longo destas semanas repetín en varios escenarios e que agora, cando reactivamos o proceso para completar a futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, cobra aínda máis forza.

Temos a sorte de vivir nunha terra diversa, plural e na que conviven milleiros de persoas que comparten o sentimento de orgullo de pertencer a Galicia e a unha cultura que funciona como elemento de identidade e supón unha importante fonte de riqueza e de emprego.

Todo isto fai posible que o sector viva unha época de gran dinamismo. Así o demostran os numerosos recoñecementos e premios que obteñen os nosos creadores ou as cifras que dan conta da relevancia económica deste ámbito tanto en Galicia coma en España ou Europa.

Neste escenario, no que contamos cun tecido robusto, de calidade e integrado na sociedade, o seguinte paso non podía ser outro que impulsar a participación e acceso á cultura de toda a cidadanía. Sexan cales sexan as súas circunstancias, o seu lugar de residencia ou a súas condicións socioeconómicas.

Isto foi o que levou ao conselleiro Román Rodríguez a iniciar un excelente traballo e o que me motivou a min a reactivar o proceso para tramitar unha normativa pioneira en Europa, que agardamos ter en vigor antes de que remate o ano e que suporá un antes e un despois na creación, acceso e consumo cultural ao contribuír a derrubar todo tipo de barreiras.

Son consciente de que a meta marcada non é un obxectivo menor, pero teño o convencemento de que é posible acurtar aínda máis o que nos separa para traballar xuntos polo futuro de Galicia e mellorar a calidade de vida dos galegos a través da cultura.

Farémolo comezando a casa polos piares, como debe ser, para crear un marco estable desde o que deseñar plans e liñas de acción que axuden a paliar as dificultades e mellorar o acceso das persoas á cultura.

E farémolo contando para iso cun texto normativo que nos marca o camiño e que funciona xa como espello para a política nacional. Toda unha sorte para a nosa comunidade que, unha vez máis, volve demostrar que o seu modelo funciona ao converterse nunha referencia en España.

Consenso, diálogo, compromiso e responsabilidade antepoñendo sempre o moito que nos une ás diferenzas que nos distancian, para, xuntos, camiñar cara a unha Galicia mellor, inclusiva e accesible.