Mbappé mollou

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

18 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tranquilidade, esta columna non vai sobre fútbol, xa poden deixar de ler. Se alguén segue aquí, a pesar de non falar de fútbol, aviso: isto trata de xornalismo, e un pouco de lingua, porque quizais é que a idade me embarulla o siso, pero quedo lingüisticamente estupefacta cada vez que acendo a radio para non perder nin un minuto desta Eurocopa que só comezou a divertirme en cuartos de final, tamén llelo digo. Que xa sei que o xornalismo deportivo é ese que se pode permitir o que non podemos as columnistas (eses toques de machismo!, ai, ese cuñadismo subidiño de ton!, ese rolliño rancio!, ese automatismo nos xuramentos!), pero o de falar mal está saíndo do rego. E non é que sexa eu unha miñaxoia que nunca solta unha bocalada, pero onde quedou o de medir os contextos, os rexistros, os espazos de axeitamento? O de non ofender coa linguaxe? Pregunto eu: que aporta como metáfora á literatura española comentar os goles de Kylian Mbappé dicindo que «al fin mojó»?

É imprescindíbel traer para a narración futbolística ese asunto macho de que toda épica teña que ter equivalencia sexual (lograr metela, uf!), porque, se non, non é épica? Fartei de oír falar de «gol de mierda», como explicación supostamente experta dun xogo que ten o seu de estratexia, e xa non digamos a dor de oídos diante de laísmos en español, pronomes mal colocados en galego, e sobre todo, iso: vulgarismos por todas partes que, en realidade, só redundan en que esta diversión futboleira que nos arrinca da porca realidade non poida ser simplemente agradábel, senón rancia, ignorante, agresiva. Todo iso di de nós a linguaxe.