Ademais de votantes, Trump ten un exército de fieis que ven nel o redentor que poñerá fin a un sistema político e social corrupto desde hai décadas e devolverá a Estados Unidos a grandeza do pasado. É unha tarefa titánica pero acadará o éxito porque Deus está con el, e a proba é esa bala asasina que só lle rozou unha orella.
Trump volverá ter, como en 2016, os votos do cabreo, do medo e do odio. O cabreo dos traballadores en paro e dos que polo seu baixo nivel de formación cobran os salarios máis baixos. O medo dos vellos, habitantes do rural, en pobos sen xente, esquecidos polas Administracións. Medo dunha parte da cidadanía aos inmigrantes, que lles quitan postos de traballo e Trump presenta como traficantes de drogas, ladróns e violadores. Medo a un futuro próximo no que Estados Unidos deixe de ser a primeira potencia mundial e sufra un colapso económico. E o odio dos supremacistas brancos e xente con nula formación intelectual ao partido demócrata, «que apoia a inmigración para ter votantes submisos». A todos os seus electores se dirixiu Trump en 2016: «Amo a xente cun nivel educativo baixo». «Serei o maior creador de emprego que Deus puxo na Terra». «Teremos un Goberno do pobo para o pobo». Despois, nos catro anos que foi presidente, favoreceu os ricos coa reforma fiscal do 2017, que reduciu o tipo impositivo das empresas do 35 % ao 21 %, e suprimiu o imposto de sucesións. O Estado empobreceu, a débeda pública disparouse e Trump quixo desmantelar a Lei de Coidados de Saúde a Baixo Custo, que Obama implementara para favorecer as persoas con menos recursos. Das promesas aos electores non cumpriu ningunha e, ao rematar o mandato, as industrias metalúrxicas perderan 75.000 postos de traballo, e o sector do automóbil o 3,7 %.
Porén, os seus devotos non o culpan e cren na existencia dun poder oculto que primeiro boicoteou a súa acción de goberno e despois deu o pucheirazo nas eleccións de 2020. Por iso varios miles acudiron á súa chamada e asaltaron o Capitolio, dispostos a matar ou morrer por el. Aínda hoxe dous terzos dos votantes republicanos cren que Trump foi vítima dun fraude masivo con votantes falsos e máquinas trucadas.
O insólito é que un expresidente condenado por agresión sexual e difamación da vítima; condenado por falsear rexistros comerciais para ocultar pagos; en espera de ser xulgado por tentar trocar os resultados das votacións de 2020 e polo manexo indebido de documentos clasificados, poida ser candidato republicano e ter posibilidades de gañar. Se Deus está con el, non pode ser o dos crentes que coñezo, senón aquel deus «de culo inmenso» que Neruda citaba en España en el corazón.