Santi M. Amil

22 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun mundo onde a automatización e a tecnoloxía dominan moitos aspectos da nosa vida, é doado esquecermos o impacto e a importancia desas  persoas que son hábiles coas mans e que sempre achegaron un valor incalculable á sociedade. Eu sempre envexei eses milmañas, capaces de arranxar calquera cousa con paciencia e moita destreza. Teño un cuñado que é así e me fai sentir un pouco inútil cando algo se estraga na casa e non son quen de o arranxar. De rapaz sempre me gustaba estar acompañado deste tipo de persoas mañosas coas que me sentía máis seguro porque, para min, tiñan unha sorte de superpoderes e os nosos xogos sempre estaban capitaneados por eles cos mellores xoguetes inventados. Eran unha garantía. Un dos meus mellores amigos era o Gude, un ser prudente e humilde, que lles tiraba calquera utilidade aos obxectos. El foi un dos que destacou nos obradoiros improvisados do Villarino, que era o mellor artesán de Xinzo para facer as pantallas, esas carautas que seguen a presidir o noso entroido. Eu nesa experiencia fun un fracaso. Pero tiven a sorte de o ter como amigo porque despois me agasallaría cunha fermosa extraordinaria que todos os entroidos poño con orgullo e emoción, non só polo fermosa que é senón porque saíu das súas mans artesás. Non hai moito levoume ao seu baixo e fiquei abraiado pola impresionante colección de máscaras de todo o mundo que fixo no seu tempo de lecer, unha exposición privada ateigada de horas e horas de dedicación e estudo, un tesouro silencioso que lle pon o ramo a esa súa discreción coa que fai as cousas e que agora vén de ser premiada por unanimidade co premio Talento Eurorrexión 2024, a xusta confirmación de que o meu amigo Gude, coma outra xente mañosa que traballa en silencio, ten as mans de artista.