A xente botaba apertada, coreando. España facíase coa cuarta Eurocopa. Foi a competición da reconciliación. Para comezar, co adestrador, cuestionado desde o primeiro momento, incluso antes de conformar a lista de convocados. E iso que sempre se amosou como un home educado e discreto, algo que, para as que nos empeñamos en que o fútbol non pode limitarse tan só a un negocio, xa é un punto a favor.
Tamén nos reconciliamos un chisquiño co propio deporte, ofrecendo oportunidades. Sei que hai xogadores estrelas que están amolados porque non se contou con eles, pero a frescura e garra das novas promesas resultou ben, non lles parece? A parella do momento, Lamine Yamal e Nico Williams, brillou por riba do odio que algúns se encargan de espallar contra a emigración. Aplaudirlles a eles equivalía a rexeitar estas correntes antihumanitarias. Bravo!
A cuarta Eurocopa era un soño. Mais destes hai que espertar, se é que aínda temos a oportunidade de facelo. Hai mulleres ás que llelo impediron. Mentres parte do país vibraba aquela fin de semana ao son do fútbol, cinco mulleres foron asasinadas. A violencia machista avanza desapiadada.
Sesenta anos para catro Eurocopas. Tan só 48 horas para asasinar cinco mulleres. Os números teñen sona de ser obxectivos, de medir a realidade, por iso resulta tremendamente cruel esta comparación. Porque non pode haber nada máis importante que a vida, sen distincións entre sexo, raza ou cor. A pesar das denuncias e do sistema VioGén, os feitos son os que son.