Titulares

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Carlos Ortega | EFE

26 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

É curioso pensar na cantidade de realidades que hai arredor de nós das que non sabemos moito máis que o que nos din os titulares que lemos nos medios de comunicación. Titulares que, por desgraza, están deseñados para que nós, os clientes (ou vítimas) da «economía da atención», fagamos clic nesas noticias creadas para que o noso propio nesgo sexa alimentado. Titulares creados a partir desas frases cada vez máis mínimas que pronuncian os políticos para amosar as súas máximas. Máximas (moitas delas radicais) que acaban fomentando (aínda máis) todos eses estereotipos que dividen á sociedade en grupos que xa nin sequera consideran a idea de escoitarse, moito menos de entenderse.

Sabemos que cando todo se reduce a unha frase, a un estereotipo que, ás veces sen querer, ás veces querendo, acabamos asumindo como unha verdade, perigan todos os valores sobre os que se constrúen as democracias. Pero eu quero pensar que a nosa curiosidade, na súa acepción de «desexo de saber, de aprender, de coñecer cousas novas» (RAG), e a nosa empatía, poderían salvarnos de nós mesmos, do noso xeito de non escoitar, do noso xeito de non profundar, e do noso xeito de querer ter razón sempre.

Nesta era dixital cada vez é máis difícil non deixarse levar por esas ideas mínimas. Cada vez custa máis abrazar a noción de que non hai verdades absolutas e de que non ter razón é unha oportunidade de aprendizaxe. E como estes son tempos complexos, tanto aquí coma no outro lado do mundo, quizais deberiamos esforzarnos mais ca nunca para loitar contra esa ausencia de curiosidade que fai que unha parte da sociedade xa nin se preocupe en coñecer a aquel que considera o outro.