
A TVG inaugurouse en 1985. Como cada 24 de xullo, véspera do Día Nacional de Galicia, do Día da Patria, tamén desta volta lembrei a velada popular na que se conmemoraba a fundación da TVG. Aquela noite —ao ano seguinte ou aos cinco anos— revertía a praza da Quintana nunha gala que celebraba a esperada e conquistada Televisión de Galicia, entendida única e exclusivamente como unha televisión en galego. Mesmo para os máis escépticos galegos autodeterministas —algúns acompañábanme nas escaleiras da Quintana aquel serán— aquilo demostraba o valor da Autonomía e a capacidade construtiva do Estatuto que tanto negaran. Os que uns anos antes protestaban en Bonaval, desconcertados coa chegada do Castelao que tanto querían porque non o traían eles, rendíanse á evidencia dunha televisión galega.
Tamén lembro outra caste de escépticos daquela, os que incapaces de entender as capacidades propias tiñan unha visión tan limitada deles mesmos e do seu país que pensaban que ter unha televisión galega era algo moi limitado e limitante. Imaxinaban que axiña acabarían as emisións en canto saísen todos os cantantes en galego, todos os humoristas galegos e todos os magos galegos —á sazón Antón—; estaban convencidos que axiña remataría aquela absurda ilusión galeguista. Quen así pensaba e mesmo escribía eran unha mestura de cosmopolitas que nunca saíran da casa, ácratas de asemblea de facultade e franquistas travestidos. Algúns chamáronlle Telegaita, outros consideraban unha vulgaridade que Xota Erre e Sue Ellen falaran galego, como se non fora sabido que Linda Gray sempre falara castelán. Cousas de empezar épocas.
Case corenta anos despois de que Albor, Barreiro e Losada inauguraran a TVG o balance non pode ser mellor en forma de apoio á cultura galega, uso da lingua e á penetración popular, tamén polo criadeiro de actrices, guionistas, presentadores, produtoras e todo o elenco de profesionais de calidade que saíron da TVG neste tempo. Moitos e moitas mesmo saíron de verdade e triunfan en medios e actividades vinculadas ao audiovisual polo mundo adiante. Porén, os corenta anos para os que vai a TVG son moitos e o mundo cambiou. Máis ben, mudaron os tempos, que xa non son os que eran. Dende hai moitos venres, os traballadores vístense de loito e agora parecen barruntarse cambios que son en realidade lóstregos contra a TVG que quixemos e seguramente seguimos querendo a maioría.
Hai tempo, ao pouco de crearse, uns directivos do tripartito xa pensaron se sería boa idea emitir tamén en castelán. Eran estraños ao trío Losada-Barreiro-Albor, posiblemente saídos dalgunha asemblea de cosmopolitas que nunca saíran da casa que de certo miraban os balances de audiencia e a conta de resultados do revés. Segundo conta nun libro recente Alfredo Conde, naquela altura conselleiro de Cultura, aquel disparate conseguiu frearse. Moitos anos despois. Hoxe seica hai rumores de que alguén quere completar a destrución da TVG por esta e outras vías. Sen sequera ler do revés a conta de resultados. Simplemente por razóns ideolóxicas. Nin doado lles foi nin lles vai ser.