
En España, para as familias con fillos en idade escolar, as vacacións de agosto son case a única opción. Os fillos non teñen que asistir a clase e a familia acomódase ás súas necesidades. Refírome a familias que teñan capacidade económica para irse de vacacións. En España aumentou o número de persoas que non poden tomar nin unha semana ao ano de vacacións, o cal constitúe un dos índices do empobrecemento da vida no noso país.
Á parte das condicións económicas e escolares, creo que existe outra razón para esa saída masiva en agosto. Hai un refrán que di: «Onde vai Vicente? Onde vai a xente». E todos practicamos en maior ou menor medida esa postura gregaria de ir onde vemos que vai a maioría. Por exemplo, hai dous bares próximos: un está cheo de xente e no outro apenas hai dúas ou tres persoas. En cal entramos? Supoñemos, sen ningunha proba obxectiva, que o que está máis cheo terá mellores tapas, mellor servizo, estará máis limpo; en suma, será mellor que o outro, do que supoñemos que quen o ocupa serán familia do propietario ou descoidados que caeron no lugar equivocado.
O aspecto contrario a esa saída masiva de agosto son as persoas que escollen traballar ese mes. Pero non crean que son seres exquisitos que foxen das multitudes. Segundo puiden comprobar, o que sucede é que pasan o mes resolvendo os seus asuntos particulares ou sen facer nada. Acudín a unha oficina nese mes e a moza que me atendeu dixo que o titular do posto estaba de vacacións, e que ela non suplía as súas funcións, só informaba da situación, de modo que tería que volver en setembro para resolver o meu asunto... Que país! Así nos vai.