Carta a Santiago Rey Fernández-Latorre

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

31 ago 2024 . Actualizado a las 13:45 h.

Querido Santiago, pode que non recordes por que un día de 1985, con 42 anos cumpridos, troquei a miña profesión de técnico da construción naval en Bazán, Ferrol, pola de xornalista na Redacción de La Voz de Galicia na Coruña, pero ti fuches o indutor e o responsable. A min non me interesaba a filatelia, pero unha tarde de sábado asistín á inauguración da mostra que na torre dos Andrade, en Pontedeume, facía o meu amigo Pablo Díaz Novo, docente de gratísimo recordo na vila, e de súpeto apareciches ti, déchesme unha aperta e espetáchesme: «¿Por qué no dejas Bazán y te vienes a La Voz de Galicia?». E, sen darme tempo a abrir a boca, volvícheste a un Juan Ramón que se entrevía na nube do purazo que fumaba e contácheslle: «Juan, estoy diciéndole a Siro que deje los barcos y se venga a la Redacción». E Juan Ramón asentiu cabeceando, chupa que chupa no puro. Quedamos en que me vería con el no seu despacho para tratar das condicións, e así de sinxela, querido Santiago, tería que ser a miña fichaxe por La Voz, se non houbese a oposición de dous membros do Consello que vían en min un comunista e un separatista. Explicácheslles que eu non era nin unha cousa nin a outra, e ante a imposibilidade de convencelos impuxeches a túa condición de presidente, e entrei en La Voz. Un ano despois gañei o Premio Fernández Latorre e, no acto de entrega, falamos todos con todos, que os asistentes non pasabamos dunha ducia, e despois de escoitar o meu discurso —isto non o sabes ti— o que se mostrara máis hostil comigo e máis remiso á miña incorporación a La Voz convidoume a xantar na súa casa.

Dígoo sempre, Santiago: deixar os proxectos de cámaras de máquinas de buques para contar a historia da autonomía galega en caricaturas foi un grande acerto. Véxome a noite do 24 de novembro de 1985, esperando con outros colegas os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia ante unha cesta de bocatas e varias caixas de cervexa. Rematado o reconto de votos, corremos todos; eles, ás crónicas e artigos, eu, á miña viñeta; e minutos despois tiñamos nas mans os primeiros xornais saídos das máquinas, co arrecendo da tinta. Camiño da casa cun exemplar baixo o brazo, sentín a emoción do panadeiro novel que saca o primeiro molete do forno. Estaba claro: o xornalismo era a miña vocación, e os anos que, por ti, pasei en La Voz facendo prensa, radio e televisión non puideron ser máis gratificantes.

Agora vaste atopar con Juan Ramón e Armando, e estou certo de que matinaredes a edición dun novo diario que poderá chamarse A Voz do Alén. Dádelle as voltas que queirades, pero esperade por min. Un xornal que se prece non pode prescindir do caricaturista.