
A UMD (Unión Militar Democrática) cumpriu 50 anos no arrinque deste mes. Fundárona en Barcelona dous comandantes e sete capitáns que aspiraban substituír a ditadura saída dun golpe e unha matanza por unha democracia. Aqueles militares foron parte esencial do complexo proceso de conquista da democracia en España. Estaban influídos polos capitáns do Abril portugués, pero nunca organizaron un golpe militar. A súa idea era outra e as condicións tamén eran outras. Naquel final do verán de 1974 todo o mundo cría inminente a morte de Franco e acelerábanse os preparativos para o que ía vir despois. O ditador estivera hospitalizado en xullo e convalecente en agosto, pero a preparación dentro do propio Réxime comezara cinco anos antes coa designación de Juan Carlos como sucesor. Aquel verán o futuro estaba definitivamente chamando ás portas. Dado o tipo de ditadura, a póla militar foi a última en organizarse na orientación da democracia, pero non foi a menos decisiva.
Medio século despois é chocante o empeño en retirar a UMD do relato da Transición. Sempre son mencionados pero nunca parecen relevantes. Sempre son citados pero nunca son equiparados aos actores consagrados no relato canónico. Vai sendo hora de mudar esa interpretación interesada dos protagonistas e facer historia. A UMD foi tan perigosa para as perspectivas de continuidade no poder dun franquismo apoiado na forza militar que por iso non foron amnistiados cando os demais antifranquistas, incluídos os que practicaran a loita armada, despois das primeiras eleccións de 1977. A súa simple existencia seguramente cortocircuitou a posibilidade de usar o exército como ameaza ou como realidade por parte dos gobernos franquistas que acometeron a transición despois da morte do ditador. Explícao Xosé Fortes Bouzán: querían mollar a pólvora dun exército azul. Conseguírono: metéronlles un medo súbito e unha desconfianza duradeira aos seus xenerais, golpistas no 36.
Os da UMD foron decisivos na construción dunha conxuntura favorable á democracia, demostrando que non quedaba un só espazo de poder do réxime sen atravesar polas aspiracións colectivas de dereitos e liberdades. Tan decisivos foron que nunca foron legalizados, tampouco recoñecidos ata moito tempo despois. Foi legalizado o PC, os republicanos, os independentistas, pero eles non. A natureza definitiva do réxime era a militar, e a UMD na práctica dinamitouna, contribuíndo a que o franquismo fose transformado máis alá do que esperaba e tiña preparado.
Os cables que o embaixador norteamericano en Madrid, Wells Stabler, mandaba naqueles anos ao Departamento de Estado, botan nova luz sobre algúns asuntos da Transición, revela nun libro recente Jorge Urdánoz. Cómpre contextualizalos e interpretalos. Verbo da UMD queda claro que aqueles militares que aspiraban a demócratas non querían «seguir sendo a garda pretoriana dunha minoría». Mais dedúcese tamén que algúns como Gil Robles non acreditaban que puideran ser a base dunha democracia. Coa súa separación do exército perdeuse a opción dunha maior democratización endóxena do exército e as FOP, que aínda hoxe se bota de menos.