Non é de estrañar que unha das principais preocupacións das familias no principio de cada curso estea centrada nos aspectos económicos. Escolarizar aos fillos supón un gasto moi importante, tanto en libros e materiais, como en matrículas ou servizos complementarios (comedor, transporte...). Non obstante, e aínda que para os pais nunca son suficientes, a Xunta está a incrementar cada ano as axudas á escolarización. Por exemplo, as matrículas xa son gratuítas en tódalas etapas, existe un fondo solidario de libros, axudas para o comedor e transporte ou ben bonos para libros e material.
Co fin de contribuír tamén á redución de gasto e ao mesmo tempo fomentar nos fillos o aforro, é bo momento para aproveitar o que irmáns ou amigos utilizaron en cursos anteriores e xa non precisan: libros, cadernos e mesmo mochilas ou prendas deportivas. Promover a austeridade non significa privarse do necesario e contribúe a acostumar os fillos ás dificultades e ao consumo racional.
Outra importante preocupación das familias é o centro docente, no que se quere contar con bos mestres, titores e interlocutores do equipo directivo, así como con adecuadas instalacións e equipamentos. Tamén interesan actividades extraescolares, que contribúan a conciliar fogar e traballo. Non obstante, poucos pais afondan no proxecto educativo do centro e, no caso dos privados, no seu carácter propio ou ideario, o que contribúe a evitar malos entendidos sobre aspectos da convivencia ou da organización da escola.
Pero moitas menos familias se preocupan no inicio de curso de algo tan esencial na vida académica dos fillos como é a planificación do estudo e os medios máis eficaces para levalo a cabo. Hai que acostumalos desde pequenos a facer un plan flexible, para permitir o descanso e o ocio, pero que se debe cumprir con disciplina. Estudar esixe un esforzo mental complexo: ler, comprender, sintetizar, memorizar, repasar e expoñer por escrito ou oralmente. Tamén consultar, tomar notas, elaborar esquemas ou resolver problemas. Estas actividades hanse converter nun hábito que perdure ao longo da vida académica, para o cal é mellor estudar á mesma hora, no mesmo lugar e seguindo esa previa programación, pois se non haberá que improvisar e perder o tempo. Posto que tódolos pais queren o éxito escolar dos fillos, deben axudarlles cada inicio de curso, en función da súa idade, a facer un sinxelo horario de traballo intelectual e a responsabilizarse do seu cumprimento.