Falar coma quen tira dardos

OPINIÓN

María Pedreda

19 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A linguaxe posúe, entre outras moitas cousas, unha dimensión moi interesante relativa á construción do clima das relacións interpersoais. Calquera pai ou calquera nai saben isto. E tamén calquera docente. O mesmo discurso ten efectos radicalmente distintos segundo se pronuncie dun ou outro xeito. Cando algunhas persoas se sorprenden das reaccións que provocan, adoita acontecer, con frecuencia, que non teñen control sobre o modo en que se comunican ou sobre as sutilezas das relacións interpersoais, construídas esencialmente a partir da linguaxe. No xeito en que nos diriximos a alguén, no ton que imprimimos ás nosas palabras, na escolla mesma dun ou outro termo para transmitirmos unha idea, xogámonos moito do éxito dos nosos propósitos e tamén de como se nos percibe e do tipo de relacións que establecemos. Por iso, nos comezos, as mensaxes de WhatsApp foron a miúdo fonte de enfados e malentendidos, porque aínda non se estableceran un códigos de uso e non aprenderamos a valernos das exclamacións, as emoticonas ou as vogais reduplicadas para provocarmos un determinado efecto, unha pegada emocional da mensaxe.

Cando o clima comunicativo que se establece é encerellado, cargado de improperios e de insultos, cando a linguaxe, na súa dimensión do trato ao outro, pasa a ser despectiva, hostil ou ferinte, o discurso perde credibilidade e a dialéctica (esa arte nobre que naceu canda a democracia) deriva en espectáculo bochornoso e liorta tabernaria. Agora ben, se iso acontece, como está a ocorrer arestora na política ou nas redes, normalmente débese ao funcionamento perverso da comunicación, polo cal o aparente interlocutor non é o auténtico, senón que está instrumentalizado para dirixir unha mensaxe a outro, normalmente a unha comunidade afín, que se congrega no berro que encirra a un gladiador para que dea morte ao seu contrincante.

O político que insulta faino pensando no seu electorado (real ou potencial) e escenifica para unha audiencia. O troll que verte odio nunha rede social faino tamén procurando o seu minuto de gloria e a aquiesciencia dunha facción. Todo lonxe dos usos nobres da linguaxe.

Non direi que o insulto ou o improperio non poidan ter unha función e un contexto: o contrario sería cursilería naïf. Poden xustificarse pola rabia real, espontánea e defensiva. E, no caso concreto da arte, a linguaxe procaz pode ser funcional, como demostrou Alfred Jarry a comezos do século XX. Mais se a comunicación cotiá baixa ao terreo da aldraxe hai algo que se degrada nas relacións e na vida. Cómpre apostarmos polo bo trato e pola elevación da linguaxe, porque a contundencia e a firmeza non se asentan sobre o insulto, senón sobre os argumentos e o poder da lóxica.