Estranxeiro

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

FILIP SINGER | EFE

24 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As eleccións nos países de Europa están dirimíndose a partir do que os partidos opinan sobre os estranxeiros. Pasou en Francia e Italia, e estes días estivemos pendentes dun land alemán chamado Brandemburgo que moitos confunden co arco porticado de Berlín. Temíase outro triunfo da extremista e xenófoba Alianza por Alemaña e a barreira socialdemócrata foi un alivio xeral en Europa. Nas esquerdas porque gañan os da súa corda, nas dereitas conservadoras e liberais porque non terán que seguir cedendo nin pensar en pactar con quen os vai devorar. Aínda así, o triunfo socialdemócrata asentouse na cesión ao medo, no aumento de medidas contra a circulación interna de persoas, contra as regras dunha unidade europea traballosamente construída. Así, os extremistas xenófobos, aínda perdendo, gañan.

Os gregos fundaron a cultura occidental e nese proceso converteron en bárbaros a quen non era coma eles. Europa fixo da cultura grega clásica un modelo universal, e seguiu descubrindo bárbaros conforme se estendía polo mundo. Primeiro no Renacemento clásico, despois co Neoclásico revolucionario. As chamadas novas Europas, os Estados creados polos europeos en América e Oceanía, continuaron o labor. Isto comezou a mudar a mediados do século XX, despois da última guerra mundial, coa descolonización. Este resumo esquemático da extensión do dominio da cultura occidental permite lembrar que os bárbaros sempre estiveron aí, cumprindo unha función. Temidos, integrados, inventados. Por máis de vinte e cinco séculos, dende o VI a. C.

A demografía, a economía, a vida das persoas europeas, levounos a emigrar en continxentes cada vez máis numerosos na historia. Non fomos os europeos os únicos emigrantes, pero si os que máis, tamén os que de forma acumulada máis intensamente influímos no planeta, despois que en 1434 Gil Eanes dobrase o africano cabo Boxador, a barreira do medo no Atlántico Sur, cincocentos anos despois de que os homes do norte chegasen a Grenlandia. Para os europeos, os bárbaros foron os demais: imperios americanos, reinos africanos ou calquera comunidade indíxena onde chegásemos. A historia seguiu enredando e hoxe son as antigas colonias africanas, asiáticas e as novas Europas as que emigran en masa cara ao noso continente. Antes viñan da nosa man, como escravos ou elites a educar. Todo mudou coa descolonización, mesmo pese ao neocolonialismo.

Converter os estranxeiros no problema pola súa cultura ou cor de pel, que iso prenda en Alemaña, Italia ou Francia, non pode senón lembrarnos cando os xudeus foron convertidos en chibo expiatorio. A historia non para, mesmo vira de sentido, con herdeiros das vítimas converténdose en verdugos dende o Estado de Israel. É doado facer dos estranxeiros o centro da política, abonda convertelos en culpables de que empeore a nosa vida ou de que mude o noso modo de vida. Ambas as cousas son mentira. Nunca mellor vivimos e os modos de vida son modas que non paran de mudar no tempo. Historia. Non hai un ser alemán, español nin galego.

Precisamos novas ideas para novas políticas, máis alá do simplismo: portas abertas a quen veña ou fagamos muros contra os bárbaros. Non é doado, pero é imprescindible.