Leccións da historia

OPINIÓN

ATEF SAFADI | EFE

29 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se trata de poñerse apocalíptico, aínda que dun tempo a esta parte os acontecementos non inviten precisamente ao optimismo. As últimas declaracións de António Guterres, secretario xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU), son unha nidia expresión de impotencia perante os conflitos que estamos a vivir. Conflitos internacionais.

Mais que ninguén pense que quedamos fóra. Como no poema de John Donne non somos unha illa, cada un de nós forma parte dun todo que nos afecta e compromete, «non preguntes por quen dobran as campás, dobran por nós».

En xuño de 1919, logo das matanzas da Primeira Guerra Mundial, constituíuse en Xenebra a Sociedade de Nacións, o primeiro intento de crear unha organización internacional para arbitrar os conflitos entre os estados e ver de resolvelos a través de acordos de carácter diplomático. As feridas da guerra estaban abertas e o mundo empezaba a ser unha pequena aldea, un sistema de vasos comunicantes.

Mais a organización, que naceu eivada entre outras razóns pola decisión do Senado norteamericano de non participar na xestión da mesma, non puido evitar a Segunda Guerra Mundial.

Disolveuse en abril de 1946.

En gran medida, a actual Organización das Nacións Unidas, naceu no ano de 1945 como continuación daquela experiencia, logo de novas masacres na Segunda Gran Guerra, que multiplicaron o sufrimento da anterior.

Ben triste que o ser humano teña que pasar por traxedias destas dimensións para vir ao rego de certa cordura (aínda que pasaxeira), e ben fráxil a memoria, pasadas dúas ou tres xeracións. O caso da Guerra Civil española (1936-1939), que podemos considerar un anticipo do que foi a confrontación mundial posterior (1939-1945), non é unha excepción do que digo.

Pasan os anos e alguén pode pensar que a memoria deixou pegadas que nunca máis se van esquecer, e non é certo, en parte porque as feridas quedan mal curadas e a memoria é diferente segundo quen constrúa (ou padeza) o relato.

Algo deberían considerar tamén os israelitas despois do sufrimento histórico do pasado século. Como van cicatrizar as feridas logo destas matanzas indiscriminadas en Gaza e agora no sur do Líbano? E os palestinos de Hamas e Hezbolá. Como construír o futuro dende o sangue e a intransixencia?

O atentado do pasado 23 de outubro no festival Supernova, coa súa ringleira de cadáveres e reféns, non foi unha ensoñación. E Ucraína, e as pateras no Mediterráneo —lean hoxe a noticia de que se atoparon 9 mortos e se buscan a 50 desaparecidos tras envorcar onte un caiuco fronte ás costas de El Hierro—, e a traxedia das migracións, as bolsas insoportables da miseria, as matanzas en África, o negocio de armas que enriquece aos que prefiren mirar para outro lado, e as desigualdades entre os máis ricos e os máis pobres, que se axigantan…

Unha nova orde internacional? En parte era o que se pretendía de novo aquel 24 de outubro de 1945, cando a fundación da ONU logo da fracaso da Sociedade de Nacións.

As últimas declaracións do secretario xeral, António Guterres, non axudan moito á esperanza.