Robots falantes

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz trata estes días do galego en declinio. É doado culpar do que acontece á presión sobre a cultura galega polo avance das TIC.

 

O asunto é vello, pois tecnoloxía da información transcendente xa fora a imprenta castelanizadora; ora, indo ao darwinismo, o que importa é sobrevivir por adaptación. Cómpre adaptarse ás mudanzas que os pobos enfrontan, no caso das linguas lembrando que primeiro son faladas e despois escritas, e que o principal é a fala.

A técnica permite hoxe recoller miles de voces de falantes naturais e definir con elas os detalles mínimos da fala correcta. Quen lea Assim nasceu uma norma, de José João Rodrigues, poderá ver os movementos para fixar o galego escrito durante décadas do século XX. Mais no XXI pódese fixar rapidamente a prosodia do galego modélico e ensinárllela a robots que nunca se afastarán dela. Grazas a eles e aos «audiotextos» pódese axudar á normalización do idioma, dada a tendencia crecente a escoitar e non ler, que comeza na infancia. Robots falantes e interfaces lóxicas para escoitalos co teléfono móbil son unha solución esperanzadora.

 

No corpus literario do galego hai textos para todos os gustos e idades. O uso do audiolibro robotizado medra acotío no mundo (véxanse datos de Google Play). Por que, logo, non apoiamos esta importante tendencia no eido galego?