Manolo Rivas, Premio Nacional das Letras Españolas

OPINIÓN

María Pedreda

30 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A concesión a Manolo Rivas do Premio Nacional das Letras Españolas vén culminar unha xeira que dá testemuña do brillante momento que está a vivir a literatura galega. Pero aínda que nos últimos anos moitos nomes (Xesús Fraga, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Ismael Ramos, Chus Pato…) viñeron engrosar a nómina dos nosos premiados e premiadas, este galardón, o das Letras Españolas, o que recoñece non é unha obra, senón unha traxectoria. Non fora concedido a ningún galego nos 40 anos da súa existencia.

A figura de Rivas resulta incontestable e a súa concesión vén ratificar a solidez e brillantez da súa escrita ao tempo que a restañar unha débeda histórica. No macrotexto da súa produción, que abrangue a poesía, a narrativa e o ensaio, conxúganse a memoria histórica, o activismo medioambiental e o compromiso coa lingua. Porque escribindo con sistematicidade e consistencia en e desde a lingua galega, acadou o recoñecemento internacional, demostrando que para obter un lugar no sistema literario mundial non é preciso facelo desde unha lingua hexemónica e que, mesmo, a fidelidade a un espazo periférico e a unha lingua marxinada pode ser o que nos leve xustamente a ser auténticos e significativos.

Manolo Rivas é unha desas poucas figuras que concitan asemade a adhesión do grande público e a admiración da crítica, porque conxuga coma ninguén a brillantez estilística coa vibración emocional. Esa emoción de O lapis do carpinteiro, traducido a 36 linguas; a arquitectura e complexidade dunha obra magna como é Os libros arden mal; a habelencia no xénero do relato breve, tomando o esteo de Fole, de Dieste, de Casares, de Cunqueiro; a intelixencia e vibración precisa na escrita ensaística, sempre Galicia no fondo: Toxos e flores; Galicia, Galicia; Galicia, bonsai atlántico. A fidelidade a unha lingua e un territorio (el foi unha das voces que puxo a literatura en liña co activismo social a partir do desastre do Prestige) son marcas da súa escrita. Grazas ás adaptacións cinematográficas, esa emoción chegou a un público máis amplo; a través da tradución tivo eco en todo o mundo. Este premio ha servir para que esa difusión sexa aínda maior. Para que a nosa pequena illa de San Simón, enchida de historia e de significado (lazareto, cadea franquista, espazo resignificado para a literatura) sexa universal.

Cómpre celebrar. Parabéns para Rivas e para toda a literatura galega, que vén tamén ser honrada e recoñecida. Que sirva para esa loita: a da lingua, a da cultura, a da arte.