Unha raiola de esperanza

OPINIÓN

No disponible

31 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Existía moita expectación sobre a primeira xuntanza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude cos portavoces dos grupos parlamentarios. Declaracións previas do propio conselleiro alentaban unha expectativa optimista, pois, nun ton construtivo, asegurou que non existían liñas vermellas, nin sequera en relación co decreto chamado do plurilingüismo (a medida de política lingüística máis controvertida do Goberno de Alberto Núñez Feijoo). Non obstante, en medio de certa confusión sobre este e outros asuntos, alimentada por declaracións contraditorias de varios cargos da Xunta, tamén se produciron intervencións moi ásperas en sede parlamentaria, incompatibles cun clima propicio ao diálogo.

A pesar de todo, afinando a orella para escoitar a música debaixo do ruído, dá a impresión de que as posicións de partida non están tan distantes como parece. Non será doado chegar a un diagnóstico compartido sobre a situación, mais se a Xunta crese que a situación do galego é inmellorable non convocaría estas xuntanzas. E se o BNG e o PSdeG-PSOE estivesen convencidos de que o Partido Popular está unicamente movido por intencións perversas, dificilmente se mostrarían dispostos a sentar con el para buscar acordos. Un diría que no fondo todas as partes saben que a situación do galego é límite, que a cidadanía consciente está moi preocupada polo futuro do idioma e que cómpre, sen demora, «virar o rumbo» (permítaseme a autocita). En definitiva, que pasou o tempo da belixerancia autosatisfeita e das grandilocuencias baleiras —veñan de onde viñeren—, e que urxe un acordo político que impulse un pacto social arredor do galego e se concrete en medidas eficaces, con prioridades claras e co imprescindible soporte orzamentario.

Finalmente, por sorte, as distintas partes foron conscientes de que da primeira xuntanza non podía saír unha mensaxe negativa que nos mergullase na depresión. Deixaron aberta a porta ao diálogo e propuxéronse chegar a acordos. Unha pequena raiola de esperanza escintila ao final do túnel. Dados os precedentes, non é pouco.