Non hai fútbol único, hai moitos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CESAR QUIAN

03 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Adoitamos falar do fútbol como se fose un deporte universal, pero a realidade é que as variedades do fútbol amosan un minifundio incrible. Nin os equipos, nin os dirixentes, nin os deportistas seguen un patrón de comportamento.

Vinicius agardaba que lle fose concedido o Balón de Ouro e, ao saber, unhas horas antes da gana, que non ía así, decidiu non asistir á mesma. Non se presentaron tampouco os seus compañeiros ou o adestrador, en sinal de protesta. Chama a atención, máis cando eran recoñecidos no mesmo acto como mellor club e mellor adestrador.

Menos mal que na gala se eliminou a tensión grazas ao pequerrechiño do irmán de Lamine Yamal, que o acompañou. Había tan só uns días que a Lamine o insultaran no campo. Trataron de provocalo para que enfrontase as afeccións, pero el asegurou que prefería escoitar os moitos azos que as poucas malas palabras.

Pola súa banda, o Depor destituía ao técnico co que ascenderan de categoría na tempada pasada. Daquela xa me parecera un tipo comedido, sen aires de grandeza. Se alguén tiña dúbidas pode ler a carta que Imanol Idiakez escribiu como despedida do club que o cesou. Todo agradecementos. Ao equipo, aos técnicos, aos que o acompañaran antes e agora, aos deportivistas, esa afección máxica. Unha carta sinxela na que engadiu aloumiños á lingua galega. Os pequenos xestos enormes.

Vaise con elegancia, dando as grazas polo conseguido. É un equipo de Segunda que neste caso amosou unha elegancia de Primeira. Porque hai que saber non gañar tamén.