Falaban de competencias (era competencia da Generalitat valenciana?, competencia do Estado?). Porén, debían falar de incompentencias. Poucas veces na historia vislumbramos un maior acopio de incompetencia política. O político que dende o primeiro momento debía poñerse no mando (o presidente do Goberno central) emitiu unha frase que o acompañará sempre: «Si necesita más recursos, que los pida». Imaxina vostede que calquera político que comande a nave dunha democracia avanzada como a española —Francia, Alemania, Italia—, perante unha traxedia terrible como a de Valencia, dixese o mesmo para axudar ao gobernante local? É impensable. Porque do mesmo modo que se declarou un estado de alarma hai catro anos, co andazo da covid, debía declararse un estado similar coa dina do sureste español. Queda a xente, menos mal. A xente é a que salva á xente. A que nos salva da incompetencia dos que deberan ser competentes. Teño a seguridade de que hai un antes e un despois da traxedia vivida, e que prosegue aínda con moito sufrimento e desesperación. Hai un antes e un despois porque algúns quedaron retratados para sempre. Non importa que o seu coro de aplaudidores sigan marcando a súa imaxe de político triunfador (el, que só ganou as eleccións de 2019). Non importa que sinalen aos que o criticaron dende hai anos como pertencentes a ideoloxías que quedan á dereita da dereita. É mentira. A dor dos seres humanos non é de dereitas nin de esquerdas. É dor, simplemente. Unha dor que non paliaron os que tiñan que estar en primeira liña organizando, asumindo responsabilidades, xestionando, dirixindo. Para iso queremos aos políticos. O resto, sobra. Xa só nos queda a indignación.