As rabias

OPINIÓN

Eduardo Manzana | EUROPAPRESS

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Comprendo as palabras que rexistran a rabia e a impotencia. No medio desas ruínas seguro que caben todas as desgrazas imaxinables. E en moitos deses berros estamos todos porque non fan outra que confirmar a nosa indignación unánime por todo o que pasou e porque se viu a falta de inspiración e responsabilidade para xestionar unha traxedia. Tempo haberá de fixar responsabilidades, mesmo nos tribunais. Non o sei.

O que non acepto é ese fanatismo ideolóxico que adoita conducir o odio case sempre cara ao adversario político e a súa destrución. Aproveitar a dor allea e disolverse nela para agredir a un presidente non debería ter cabida nunha sociedade democrática. Temos que ser quen de admitir certas complexidades na vida. Non todo é tan sinxelo. E a crise climática non deixa de nos enviar avisos cada vez máis violentos.

Lembro hai uns anos, diante da previsión dun forte temporal nas Rías Baixas, como a Xunta decidiu suspender as clases, e cadrou que en Boiro non só non choveu a fío senón que lle saíu un día tan solleiro que a moitos case nos avergonzou saír a pasear mentres outros traballaban. As protestas dos proxenitores foron moitas e a Xunta optou por lles pasar a decisión ás direccións dos centros, algo que, ao meu ver, é un xeito claro de irresponsabilidade. Velaí ese temporal durísimo de non hai moito, no que mesmo caeu algún pavillón deportivo e, agás contadas excepcións, non se suspenderon as clases. Por sorte, non houbo vítimas.

Pasado o feito todo o mundo sabe, pero eu só agardo que este barullo inste á responsabilidade e se concrete en algo útil para os afectados e tamén para que o futuro climático que nos agarda, que non deixará de expresar a súa propia rabia, non volva traer unha traxedia tan grande coma a desta vez.