Banca e enerxéticas, toca pagar

Manuel Lago
Manuel Lago ECONOMISTA. DEPUTADO POR SUMAR NO CONGRESO

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días estamos a asistir a unha verdadeira chantaxe da gran banca e as compañías enerxéticas que ameazan con non realizar investimentos en España se non se lles perdoa o gravame sobre os beneficios extraordinarios que están a ter estes dous sectores. É inaceptable, parece que queren gobernar sen presentarse ás eleccións.

A banca e as compañías enerxéticas (electricidade, gas e petróleo) están a gañar máis diñeiro ca nunca. No 2023 as seis entidades financeiras de maior tamaño gañaron 39.293 millóns de euros antes de impostos. É un 72 % máis ca no 2019. Son cifras case disparatadas, que teñen continuidade no 2024, porque os seus beneficios están a crecer un 20 % sobre as cifras do 2023.

O oligopolio bancario disparou os seus beneficios pola subida dos tipos de interese: empresas e familias pagan máis polos seus créditos e préstamos, pero a banca non retribúe máis polos seus depósitos. É unha enorme transferencia de renda da economía real ao oligopolio financeiro, que, ademais, non destina estas ganancias a aumentar o crédito ou mellorar a solvencia das entidades, senón a distribuír dividendos entre os seus accionistas.

E o mesmo sucede coas enerxéticas, porque a subida dos prezos da electricidade, que pagan empresas e fogares, e o incremento dos prezos dos carburantes nas gasolineiras, dispararon os beneficios destas grandes multinacionais á conta de provocar inflación, deteriorando o poder adquisitivo das familias e aumentando os custos de produción das empresas da economía real.

Son oligopolios que se aproveitan do seu poder de mercado para alcanzar beneficios extraordinarios. Empresas, ademais, con pouca responsabilidade social, porque na práctica apenas pagan impostos, a pesar destes enormes beneficios.

Cos datos oficiais da Axencia Tributaria para 2022, sabemos que o tipo efectivo medio sobre beneficios que pagou a banca no Imposto de Sociedades foi de apenas o 2,8 %, unha cifra irrisoria fronte ao 30 %, que en teoría deberían pagar.

E o mesmo sucede coas compañías enerxéticas que pagan un tipo de efectivo sobre beneficios por baixo do 5 %. No medio da crise de prezos do 2022, coa perda de poder adquisitivo, coas dificultades que sufriu a economía real, os bancos e as enerxéticas enriquecéronse de forma extraordinaria, pero a súa achega fiscal tendeu a cero polas deficiencias do Imposto de Sociedades e pola enxeñería fiscal que aplicaron os grandes grupos empresariais.

Para evitar esta situación, no 2022 establecéronse os gravames específicos aos beneficios extraordinarios da banca e as enerxéticas, cun deseño eficiente, sobre bases impoñibles claras e sen deducións nin bonificacións que sempre son utilizadas polas grandes empresas para eludir as súas obrigacións.

O resultado destes gravames foi moi positivo: no 2023 e 2024 recadáronse 2.900 millóns de euros, cada ano, por estes impostos. Un gravame que pagan apenas 12 grandes compañías e que serviu para financiar políticas públicas, por exemplo as bonificacións ao transporte público, que axudaron a moitas persoas ante a crise de prezos, pero que ten un custo publico anual de 1.500 millóns de euros.

Nas próximas semanas o Congreso dos Deputados vai debater un paquete fiscal que inclúe estes dous gravames, un debate que vai ser moi relevante porque hai grupos parlamentarios capturados polos oligopolios que propoñen, abertamente, eliminar o imposto ás compañías enerxéticas e reducir de forma significativa o imposto á banca.

Sería un paso atrás inaceptable, porque afectaría de forma negativa tanto á suficiencia como á equidade do noso sistema fiscal, perderiamos recursos necesarios para as políticas públicas en beneficio dun pequenísimo número de empresas que están a obter beneficios extraordinarios.