En España hai 21.823.000 persoas traballando. É a cifra máis alta de toda a historia. O presidente Rajoy soñaba con chegar a 20 millóns de ocupados. Non o logrou. Agora estamos a piques de superar os 22 millóns. Nun escenario internacional extremadamente complexo, coa pandemia no 2020, a invasión de Ucraína, a crise enerxética e a inflación de 2022, a subida de tipos de interese do BCE ou a recesión da economía alemá, dende o 2018 en España creáronse 2.295.000 empregos.
Unha mellora do emprego xeneralizada e transversal, porque aumenta en todos os sectores de actividade, entre homes e mulleres, en todos os tramos de idade e en todas as comunidades. En Galicia, o número de persoas con traballo medrou en 110.000 ata chegar a 1.125.000, a cifra máis alta dende hai 18 anos, aínda que, ao contrario do conxunto de España, non é o máximo histórico. Galicia vai algo por detrás na dinámica de creación de emprego. Un mercado laboral que se feminiza, aínda que lentamente, porque algo máis da metade do emprego creado ocúpano mulleres, que por primeira vez na historia superan os 10 millóns. Unha mellora do emprego que beneficia especialmente ás persoas máis novas, porque un de cada catro empregos creados correspóndese cunha persoa menor de 30 anos. Desde 2018 incrementáronse en 532.500 as persoas mozas con emprego ata superar os 3,3 millóns de ocupados, a cifra máis alta desde 2010.
Máis empregos e de máis calidade, con máis emprego indefinido, traballando a xornada completa e con mellores salarios. Desde 2018 o emprego asalariado indefinido privado aumentou 3,6 millóns de persoas, e o emprego temporal reduciuse en 1,4 millóns.
Grazas a esta intensa transformación de relacións laborais precarias que mutaron en indefinidas, a taxa de temporalidade do sector privado caeu á metade: pasou do 28 % a menos do 14 %, e xa está por baixo da media europea. Trátase de traballo estable e, ademais, a xornada completa, porque a taxa de parcialidade reduciuse ata o 12,8 %, moi por baixo da media europea. A taxa de parcialidade das mulleres segue sendo moi alta, do 20,4 %, pero é a máis baixa en España de toda a serie histórica.
Máis emprego, de máis calidade e por tanto con mellores salarios. A base media de cotización á Seguridade Social de xuño de 2024 é un 24,7 % superior a xuño de 2018, de tal forma que, descontada a inflación deste período, as retribucións salariais gañaron 5 puntos de poder adquisitivo.
Son cifras que hai que poñer en valor, pero que non poden facernos esquecer os problemas que historicamente arrastramos: España ten a taxa de paro máis alta da Unión Europea, seguimos con niveis inaceptables de desigualdade e de risco de pobreza, os salarios son baixos en termos comparados coa UE e aínda sofren as consecuencias da década da austeridade —o mesmo que a produtividade— ou que unha boa parte do traballo parcial feminino é non desexado. Esta segue sendo a realidade laboral de España, a pesar das importantes melloras nos últimos anos, grazas á protección ao emprego dos ERTE, ás subidas do SMI e á reforma laboral del 2022.
Avanzar cara ao pleno emprego, mellorar os salarios, reducir a desigualdade, acabar coas brechas de xénero, reducir a xornada laboral e acabar coa pobreza laboral son enormes desafíos que a sociedade española debe abordar na próxima década, cun gran acordo social e institucional que dea continuidade ás políticas aplicadas nos últimos anos, porque se demostraron útiles para mellorar o noso mercado de traballo e para mellorar a vida das persoas traballadoras.