Nos últimos anos estámonos habituando a un descrédito e desconfianza do urbanismo por outras urxencias. Xa o advertira Richard Sennet no seu libro Construír e habitar: «Os planificadores convertironse en escravos dos proxectos». E este é un risco que non debemos correr como sociedade.
Fronte á innegable necesidade de resolver problemas a curto prazo, como a carencia de vivenda, as transformacións das infraestruturas ou a demanda de enerxía, a planificación urbanística é o único garante para non só resolver os problemas do presente, senón tamén evitar os do futuro.
Ben é certo que o urbanismo, ao igual que a economía, sustentouse historicamente no crecemento como o único mecanismo para avanzar. Pero do mesmo xeito que mudaron as teorías económicas e, como sinala Kate Raworth, os límites da sostibilidade deben marcar o noso desenvolvemento —que non crecemento—, a planificación das cidades hai tempo que mudou para evitar a excesiva ocupación do solo e garantir a colmatación da cidade construída. Resulta evidente que este cambio, que se pode aplicar tamén ao territorio, reduce os ingresos das arcas municipais, unha cuestión que requiriría apostar por un novo marco de financiamento municipal, con menos dependencia do urbanismo. Tamén esixe mais paciencia a quen constrúe (en especial pola inasumible lentitude na concesión de licencias na maioría dos concellos galegos, con frecuencia derivadas do atraso nas autorizacións sectoriais).
Precisamente por iso, como sociedade, é o momento no que se fai máis necesario reivindicar o urbanismo. Fronte ás dificultades, temos que esixir melloras: máis facilidade na tramitación, máis recursos, máis medios, máis visibilidade e, sobre todo, un marco legal estable. Pero, sobre todo, non abandonar o urbanismo. Se renunciamos á planificación das cidades e do territorio pode que atopemos solucións inmediatas, pero dificilmente resolveremos os problemas do futuro.
Na recente reunión sobre ordenación do territorio do Foro Económico de Galicia reiterábanse as múltiples trabas que o planeamento e a lexislación poñen ao desenvolvemento do país. En paralelo, algúns concellos parecen renunciar á actualización do seu planeamento pola complicada tramitación e o desgaste político que carrexan. A nivel territorial, a falta de planificación previa parece alimentar novos atallos para construír ou desenvolver proxectos económicos. E con cada decisión nesta liña imos debilitando a importancia do urbanismo.
Por iso, fronte á renuncia, compre esixir máis e mellor planificación. Se os instrumentos que temos non se axeitan á nosa realidade, temos que melloralos. Pero non dende unha visión exclusivamente economicista. A crecente importancia do planeamento de carácter supramunicipal, o compromiso da sociedade co medio ambiente, a concienciación fronte ao cambio climático e as novas ferramentas de participación da veciñanza deben ser a base para reformular o xeito no que planificamos o noso territorio e as nosas vilas e cidades.
A renuncia ao urbanismo sería xustificar unha carta branca para non planificar o noso territorio e para seguir a fomentar a desregularización. Sería un erro que como sociedade non nos podemos permitir.