Xan ou Xuana

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Carlos Ortega | EFE

28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ceei cedo para ver o programa A ben cantá. A miña nai cantaba moi ben, e a min botáronme de todos os coros nos que me empeñei en participar. Fascínanme as capacidades da voz humana, por exemplo, aqueles pianissimo de Montserrat Caballé, interminables, que se oían desde a última fila do patio de butacas á última do galiñeiro. Era como un milagre.

Agora xa non me apunto a ningún coro, pero gozo oíndo cantar, así que me instalei na miña butaca preferida decidida a gozar do programa. E tiven algunhas sorpresas. A primeira foi que falaban moito e cantaban pouco, demasiadas preguntas, sempre as mesmas, aos pais e nais dos participantes, que se esforzaban en dicir algo orixinal, sen moito éxito. A segunda sorpresa foi que anunciaron a un cantante que se chamaba Juana e ao escenario saíu un home. Desde que Elio Antonio de Nebrija escribiu a súa Gramática castellana en 1492, Juana sempre foi nome de muller, pero ao parecer a ninguén lle estrañaba. A min si. Non se trata de nomes como Cruz ou Purificación, que poden designar a homes. Juan foi sempre un nome masculino e o seu correlato feminino en castelán é Juana. En galego, a Xan correspondelle o femenino Xuana. A televisión ten unha gran influencia na sociedade e tamén pode recoller cambios sociais que xa están a suceder. É posible que vexamos nos próximos meses a nenos que no canto de chamarse Pepito ou Juanito  se chamen Margarita, Rosa, Merceditas, Marina, Beatriz ou Leticia.

A min resúltame chocante, pero quizá sexa que son unha vella anticuada. Por certo, Juana non superou a eliminatoria.