Novas loiadas, vellas ilusións

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Chema Moya

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Últimamente, no Congreso fálase moito das loiadas, esas noticias falsas que se difunden intencionadamente coa finalidade de facer crer que algo falso é verdadeiro. É certo que as novas tecnoloxías permiten expandir de xeito máis rápido imaxes ilusorias que semellan reais, pero as accións dirixidas a enganar a consciencia das persoas son ben vellas. No ámbito tributario e xa en 1903, Amilcare Puviani teorizou sobre como, para evitar a resistencia dos contribuíntes a pagar cada vez máis impostos, os gobernantes buscaban métodos enganosos para recadar recursos adicionais. A súa clásica teoría da ilusión financeira explica como, nas súas palabras, se actúa «sobre a conciencia do contribuínte diminuíndo a contía e importancia dos sacrificios que soporta e esaxerando as vantaxes dos servizos públicos que se lle ofrecen a cambio». Os mecanismos son variados, e van desde cobrar impostos en momentos en que a situación diminúe a «penosidade» do pago (por exemplo, cando se consume); ocultar a cantidade de riqueza que se detrae (como coas retencións sobre as rendas do traballo), ou minusvalorar os efectos futuros que sobre a economía poden ter os impostos (por exemplo, propiciando o peche dalgunha empresa).

O Goberno acaba de anunciar a nova adecuación das pensións á inflación. A inicios deste ano, os pensionistas recibiron unha carta da Secretaría de Estado da Seguridade Social na que se informaba dunha suba das pensións do 3,8 % para compensar a inflación de prezos. Na información recibida explicitábase que unha pensión máxima se incrementaba exactamente en 116,23 euros, pero a suba real era de 73,27 ao mes. Para coñecer esta cifra había, en cambio, que facer a resta entre o vello e o novo importe líquido mensual. A causa de que a suba fose un 37 % menor do anunciado é que mentres que a pensión se axustou á inflación, non o fixo a tarifa do imposto que grava a renda. Os pensionistas están pagando máis IRPF «como se» gañaran máis, cando en realidade a suba só lles permitía non perder poder adquisitivo. O que se da cunha man recupérase coa outra. Pura ilusión fiscal. Segundo o Banco de España, por cada 1 % que crece a renda das familias a facenda pública incrementa a recadación nun 1,85 %, simplemente non adaptando o IRPF á inflación.

Certamente, hoxe traballa máis xente en España que en 2018, o que fai que creza a recadación; pero tamén é certo que, sen debate nin votación parlamentaria, a inflación actúa como un imposto, oculto, xerando ilusión financeira, que diminúe a renda real de traballadores e pensionistas. De feito a presión fiscal, medida en termos de ingresos sobre o Produto Interior Bruto, subiu en España case 3 puntos do PIB desde o 2018, mentres que na UE-27 descendeu un 0,7. Correlativamente, a renda real per capita dos españois, que chegaba ao 91 % da media da UE no ano 2018, no 2023 baixou ao 88 %.

Non se trata de estar en contra da suba dos impostos. Puviani denunciaba que se fixera a través de prácticas enganosas e pouco transparentes, que prexudicaban, fundamentalmente ás persoas traballadoras e beneficiaban aos máis podentes. Pero o propio Puviani resultou ser un tanto iluso. Pensaba que o sufraxio universal e «a actuación dos deputados socialistas e radicais» porían fin á ilusión financeira. De ter coñecido á ministra Montero, teríase desilusionado.