O lobo, nos brazos da consellería

Roberto García LIÑA ABERTA

OPINIÓN

Pilar Canicoba

07 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana, o Comité de Berna, principal órgano internacional que regula a protección das especies silvestres ameazadas ou en perigo de extinción, aceptou no seu comité permanente revisar a petición da Comisión Europea o status de protección do lobo en toda Europa, que pasaría de «Estritamente Protexido» a «Protexido».

Este cambio de postura da Unión Europea dáse despois da consulta feita o ano pasado pola propia Comisión ás comunidades rurais e organizacións agrarias de toda a UE a fin de que expresaran a súa postura e explicasen os problemas de convivencia co lobo no medio rural, consulta onde por certo Unións Agrarias presentou un extenso informe que ía na liña da decisión finalmente adoptada pola Comisión Europea.

Para nós hai que felicitarse desta flexibilización, xa que a normativa actualmente en vigor pon no mesmo nivel a todos os países e rexións da Unión. Acaso ten sentido ter o mesmo nivel de protección nun país tan grande como Francia ca nunha rexión como Galicia, cando nós temos tantos lobos como Portugal, Alemaña e Francia xuntos? Cando só na comarca da Mariña lucense hai tantos lobos como en toda Alemaña? Parece unha medida de sentido común que permitirá adaptar a xestión das poboacións de lobos ás realidades de cada territorio.

A pesar desta mudanza da UE e do Comité de Berna, aquí nada vai cambiar mentres o Goberno non cambie a inclusión do lobo no LESPRE, o Listado de Especial Protección de Especies Silvestres, onde foi incluído no ano 2021, pese á oposición e as alegacións das organizacións agrarias e as comunidades autónomas lobeiras, como Galicia.

Agora ben, sendo claramente o LESPRE un obstáculo para optimizar o control das poboacións do lobo en Galicia, e a protección dos nosos gandeiros fronte a ataques disparados ao gando, cada vez máis numerosos e máis preto das casas, si contempla a posibilidade aberta de facer controis puntuais de caza, que axuden a solucionar situacións de acoso a explotacións gandeiras (como estamos a vivir estas semanas na comarca de Arzúa e O Pino) ou de risco para as persoas.

É o propio BOE de data 21 de setembro de 2021 que declara a inclusión do lobo como especie incluída no LESPRE en toda España e indica «Se podrán aplicar medidas de extracción y captura de ejemplares que cuenten con una autorización administrativa que se conceda por la autoridad competente de la Comunidad Autónoma», deixando claro que baixo o paraugas das competencias autonómicas si se poden autorizar medidas puntuais de caza cando «se justifique la existencia de perjuicios importantes para el ganado en las explotaciones afectadas, atendiendo a posibles daños recurrentes o significativos».

Por todo iso, declaracións como as da conselleira Ángeles Vázquez, responsable da xestión do lobo en Galicia, feitas ante gandeiros afectados por ataques recorrentes do lobo, e dicindo que o LESPRE ten á Xunta «de brazos cruzados», nos parecen non só unha irresponsabilidade e unha deixación de funcións, senón unha falta de respecto cara os gandeiros afectados e mesmo o resto de cidadáns do ámbito rural, que ven con inquietude e preocupación ataques cada vez máis virulentos a gando doméstico e cans de garda nas portas das súas casas, o que fai presaxiar que poden pasar incidentes xa de seguridade persoal de non tomarse medidas.

O LESPRE aplicado en Galicia non nos gusta e nos parece un marco de xestión do lobo innecesariamente complicado e inxusto. Agora ben, escudarse detrás del para negarlles aos afectados actuacións precisas que si cabe facer no marco legal actual, e para o que se teñen as competencias plenas, deixando como única opción, para a desesperación dos gandeiros, «cruzar os brazos», directamente leva a Administración a un escenario de responsabilidades civís e patrimoniais.