A historia vira de novo en Oriente Medio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

VALERY SHARIFULIN / SPUTNIK / KR | EFE

10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En once días, despois de trece anos de guerra civil, unha coalición militar opositora fixo fuxir de Damasco a Al Asad, ditador fillo de ditador. Liscou a fume de carozo en dirección tan descoñecida que… Mentres isto acontecía, a política hispana seguía a facerse nos tribunais e sobre informes da UCO que elucubran conviccións, derivadas todas en filtracións de dilixencias xudiciais e policiais a medios que aseveran delitos con firmeza impostada, para que algúns políticos fagan de Savonarola.

Os creadores de contidos de márquetin político, antes asesores e antes aínda fontaneiros, poden seguir ao seu, mentres o mundo de finais de 2024 móvese a toda velocidade nos varios conflitos abertos, dende o Báltico ao mar Vermello pasando polo mar Negro. Ucraína e Palestina son os puntos quentes nos que se está a xogar a máis importante partida do grande xogo da xeopolítica mundial. Desta volta son os EE.UU. e a China os contendentes finais; esta última con armas novas, América coas de sempre.

Veremos moitas mais novidades antes da toma de posesión de Trump o 20 de xaneiro no Capitolio. Agárdanos mes e medio de vertixe xeopolítica e un Nadal probablemente moi incerto. Tivemos un avance en Corea estoutro día coa declaración de lei marcial anunciadora de ditadura, que axiña freou a reacción popular democrática.

O que acaba de acontecer en Siria deixa en evidencia a Rusia e a Irán, pon máis na vangarda a Israel, que debeu ter moito que ver nos acordos de intelixencia militar neste caso e, por iso, chanta outro cravo no cadaleito do holocausto palestino, á vez que parece darlle preeminencia a Erdogan e Turquía como actor militar e político rexional, pobres curdos!

Coma sempre, nestes contextos e nestas operacións sorpresivas que teñen a man dun para beneficiarse a través doutro (Israel derrota un poderoso veciño aliado de Hezbolá), abrindo a caixa de Pandora non sabemos onde levará. Quen lembra xa ao cento de secuestrados? Que argallou Netanyahu e con que diferentes estraños apoios?

Como en situacións semellantes, o contexto resulta altamente inquedante. Na historia hai poucas constantes, agás as da estupidez humana movida pola ansia patolóxica de poder. En 1934, Polonia acordou con Alemaña un pacto de non agresión, cinco anos despois Alemaña pactou coa URSS liquidar Polonia; polo medio, o Reino Unido abandonara Checoslovaquia á Hitler e de paso á República española; antes, Alemaña xa anexionara Austria en Europa e Xapón ocupara Manchuria en Asia.

Nun escenario igual de revolto, no que os contendentes, os aliados e as fronteiras mudaban en poucos meses, desenvolvéronse as sucesivas guerras dos Balcáns, antes que o asasinato do arquiduque en Saraxevo levara á declaración en cadea de hostilidades que acabaron na Grande Guerra europea; definida e recoñecida despois polos historiadores como Primeira Guerra Mundial.

O mundo ábrese en banda mentres a fatada hispana segue enredada entre milagres da Corte e Calellos de gato, corridas para protexer a tauromaquia e ilusión de imperio. Europa desaparecida como actor, Francia está sen goberno e Alemaña teme á ultradereita nas próximas eleccións.