González Laxe, presidente

Ciprián Rivas

OPINIÓN

CESAR QUIAN

18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasa o tempo tan rápido que, cando te decatas, xa van alá 37 anos. Facémonos vellos e, se cadra, non tan experimentados como pode ocorrer que pensemos de nós mesmos.

Despois da primeira moción de censura presentada en España, González Laxe tomaba posesión no pazo de Fonseca. Un acto rápido. O novo presidente prometeu o seu cargo evitando o xuramento. A súa man esquerda pousouse no Estatuto de Autonomía, non na biblia, e a mesa carecía de crucifixo. Chegaban novos tempos. Novas caras e novas maneiras de tratar os asuntos nesta autonomía en construción.

Rematada a cerimonia, Albor foise, só. Camiñando pola rúa do Franco.

Achegueime para acompañalo e cominoume a regresar para axudar, no que fose preciso, ao novo presidente, quen nese intre recibía os parabéns dos asistentes.

Tanto os que deixaban o pazo de Raxoi coma os que entraban vivirían novas experiencias que marcarían o seu paso pola vida e pola política. Rajoy cara a Santa Pola e Albor cara a Bruxelas.

Laxe, prometeu na súa toma de posesión «un xiro copernicano» na gobernabilidade do país, e o cúmpreo, a pesar das inundacións sufridas en Padrón, os incendios forestais que asolaban toda a nosa xeografía e o encallamento do cargueiro Cason en Fisterra, cargado con produtos químicos inflamábeis e tóxicos. Correu a loia de que eran «radioactivos». Os veciños de Fisterra, Cee, Corcubión e Muxía fuxiron en ringleira cara a Santiago, Negreira, Muros, Carballo, etcétera, cuxos concellos abrían os seus polideportivos para atendelos. Foi o máis parecido a un éxodo.

Aquel accidente amosou as carencias da nosa comunidade para defenderse dos riscos ocasionados polo tráfico marítimo, que se seguen a manter na actualidade. O encallamento, os incendios e as inundacións confirmaron o que xa sabía: «Deberíase investir máis en infraestruturas, desenvolver o territorio, potenciar a educación superior». Así, o seu Goberno, en dous anos e pico creou as universidades da Coruña e de Vigo; incrementou o nivel de investimento público na comunidade preto dun 40 %, e procurou un achegamento máis próximo a Europa, creando a Fundación Galicia-Europa con sede en Bruxelas, exemplo de colaboración público-privada. Instaurou os cumios entre Galicia e Asturias, e o turismo rural, coa primeira experiencia en Cervo. Impulsou a conexión coa Meseta, viaria e ferroviaria; propulsou a finalización da autoestrada do Atlántico, a mellora das conexións marítimas entre os portos de Sines e Leixoes con Vigo... Foi así. González Laxe tiña visión de país.

Cando Fraga accedeu á Xunta non mudou ningún dos programas se non era para reclamar a súa pronta execución ao Goberno de Madrid. O presidente Laxe, traballador, boa persoa, comprometido cos galegos, estivesen en Pedrafita do Cebreiro, en Bos Aires, Montevideo ou Caracas, é leal á terra. Que se lembre a súa figura despois deste tempo é de xustiza, porque os expresidentes, case sempre, acaban de «floreiros», e queda a experiencia acumulada esquecida, cando atesouran tanto para dar.