Traspaso da xestión do litoral: un éxito desde Galicia para Galicia

Ángeles Vázquez Mejuto CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO

OPINIÓN

María Pedreda

19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia está de en hora boa. O traspaso da xestión do noso litoral por parte do Estado é un éxito dos galegos. De todos. Un triunfo desde Galicia para Galicia.

Cando iniciamos este camiño, hai xa dous anos, tivemos claro desde o primeiro momento que a razón estaba do noso lado. Porque queremos a Galicia, protexemos a Galicia e entendémola mellor ca ninguén. Temos o coñecemento e a proximidade, e somos os galegos e galegas quen de xeito máis apropiado podemos xestionar o noso litoral, o máis extenso de España, baixo criterios científicos, xurídicos e culturais. As comunidades autónomas somos adultas e non necesitamos a tutela do Estado, nin recibir instrucións constantes desde Madrid sobre como entender o noso territorio.

Non vou ocultar que non foi un camiño doado. Todo o contrario. Foi duro, e complexo, como é ben coñecido, a causa das reticencias do Goberno central. Tivemos que escoitar, incluso, que a lei que impulsamos era unha «declaración de independencia», simplemente por aprobar unha norma propia, co respaldo do Parlamento que representa a todos os galegos. Houbo que dar a pelexa política e xurídica, pero sempre nos guiou o convencemento de que iamos pola senda correcta. O referendo do Tribunal Constitucional, que supuxo un antes e un despois, ratificounos nesa noción. Todo o traballo e esforzo investidos pagaran a pena.

Resultou decisivo que o presidente Rueda apostase fortemente por lograr esta competencia. Sabía o que quería. Nin un paso atrás. Só pediu dúas cousas: contar cos galegos e rodearse dos mellores. Igualmente foi fundamental ir da man, durante este longo proceso, cos sectores afectados, sinaladamente a cadea mar-industria. Aqueles que levan décadas asentados na nosa costa e pedían unicamente algo tan sinxelo como dispor de seguridade xurídica. Non ficar co temor de verse obrigados a desmantelar o seu modo de vida. Como a hostalería e os veciños dos concellos da costa. Non podían vivir coa incerteza de perder todo o que tiñan dun día para o outro. Sen esquecerme das asociacións que velan pola conservación do noso patrimonio cultural.

Foi inestimable a colaboración dos expertos que nos acompañaron neste traxecto, que achegaron a súa experiencia e contribuíron a que se escoitase a voz de Galicia defendendo a súa posición. O sinxelo sería resignarse e ceder, pero esa nunca foi unha opción que se contemplase no Goberno galego. Grazas, por tanto, a todos os que fixestes posible o éxito acadado esta semana.

Congratúlanos, igualmente, facilitarlles ao resto de comunidades autónomas que poidan seguir o camiño aberto por nós. Galicia, unha vez máis, é solidaria, porque así entende o seu encaixe en España.

Aquí non remata nada. Ao contrario. Queda moito por facer. Temos unha lei por desenvolver, e recuperar o tempo que perdemos en xulgados e despachos. Necesitamos dispor canto antes dos medios humanos e materiais necesarios. Quero subliñar que imos ser esixentes neste punto. E debemos traballar arreo. Iso si: coa satisfacción do traballo ben feito, e un sorriso porque vai contribuír a mellorar a vida dos galegos.