É tradición escoitar o discurso do rei na Noiteboa. Lembro facelo co meu avó. Ata rematar, non podiamos sentar á mesa. Claro que máis antiga e a tradición dos Reis Magos.
Nada ten que ver unha coa outra. De feito, o rei pide e os Reis traen. Se temos sorte, aparecen xusto co que queriamos e, se non, con outras cousas. O rei pídenos a moitos, e aos Reis somos multitude os que lle solicitamos. O resultado é sorprendente e á inversa do agardado. Cabería esperar que ao rei, con tantos súbditos, unha morea de persoas lle fixesen caso e, pola contra, os Reis Magos, con tantas peticións, non desen feito. Pero como vivimos onde vivimos, óbrase o absurdo e o milagre a un tempo.
O rei solicita cousas inmateriais: diálogo, escoita, respecto, cordialidade, empatía, axuda, solidariedade... As cabezas asenten mentres o escoitamos a través da pantalla, pero ao segundo as conversas nas mesas están cheas de discusións e os parlamentos, congresos e senados énchense de acusacións e insultos aos dous días. Aos Magos de Oriente pedímoslles cousas materiais, desde un teléfono a un pixama, un xogo de mesa ou un libro. Centos, miles, millóns de agasallos diferentes. E conceden.
Se o penso ben, entendo que me levei a engano; non é tan absurdo nin tan milagre. Ao final todo se compra e todo se vende, todos temos un prezo, vaia. É máis sinxelo pagar ca darse a un mesmo; e moito máis barato tamén. Pero as conciencias lavadas con cartos non duran unha eternidade. Mentres, as boas accións, permanecen.