É acertada a medida do Goberno de España de prohibir as bebidas azucradas nos comedores escolares, á vista de que un de cada tres alumnos ten exceso de peso ou obesidade, segundo o estudo Aladino 2023. Hai xa ben anos que as Administracións públicas veñen levando a cabo diversas accións para combater este problema de saúde, como por exemplo regular a publicidade e venda no centro educativo de alimentos con alto contido de graxas, sal ou azucre, potenciar o consumo de froita e verdura ou establecer dietas equilibradas.
Estas medidas son necesarias, pero a raíz do mal non está na escola, senón, coma en tantos outros casos, no fogar. O citado estudo chegou á conclusión de que o exceso de peso é maior en familias de renda baixa. Os fillos toman menos froita e verdura a diario, almorzan peor e consomen máis refrescos con azucre, ademais de facer menos exercicio físico e permanecer máis tempo diante das pantallas. Estas familias teñen, á parte dun problema económico para adquirir bos alimentos, falta de formación alimentaria.
Pero o exceso de peso é alto en todas as familias, sexan da clase que sexan, e empeza cando o neno, desde moi pequeno, vai conseguindo comer o que lle gusta e rexeita alimentos esenciais para o seu crecemento. A falta de formación, a comodidade de moitos pais e o «non me gusta» dos fillos impiden que aqueles acostumen a estes, con paciencia, pero con firmeza, a novos sabores, co fin de que acaben por comer de todo o necesario. En moitas familias prepáranse diferentes comidas en función dos gustos de cada un, en vez de comer todos do que toque, agás causas xustificadas. Ademais, outro erro moi estendido é permitir que o neno consuma libremente lambetadas ou bebidas azucradas, mesmo premiándoo con elas.
Este tipo de educación permisiva dá lugar a unha alimentación incompleta, con carencia de nutrientes esenciais e exceso doutros secundarios e mesmo prexudiciais.
Cando os pais xa non son capaces de solucionar o problema, delegan a súa responsabilidade na escola. Pero esta non é capaz de achicar con culleres un barco que a familia enche con caldeiros. Para que os mestres poidan obter froitos na educación alimentaria terían, en primeiro lugar, que contar co absoluto apoio dos pais, e isto non ocorre.
Xa que logo, o Goberno fai ben en lexislar e tomar medidas, nos propios comedores escolares, contra o exceso de peso e a mala alimentación, pero de pouco han servir se non van acompañadas dunha vez por un bo plan de formación de pais e de fomento do entendemento familia-escola.