No seu día moitos participamos nun debate aparentemente menor sobre a denominación das facultades de comunicación.
Dende que ciencia ou principios se edifican as sociedades contemporáneas, a opinión pública, o discurso democrático dos intereses e as ideas? Dende o século XVIII e sobre todo dende o século XIX o xornalismo é o mecanismo a través do cal a sociedade recibe noticia e idea de si mesma, mesmo da confrontación de intereses que caracteriza as sociedades democráticas. Os papeis públicos (os xornais) substituíron o discurso do púlpito e a tribuna (relixiosa ou laica) afirmados no proceso de alfabetización que cada vez con máis forza se desenvolveu nas sociedades modernas. Primeiro foi a revolución de Gutenberg (o libro) e logo a prensa periódica. Os seguintes pasos foron o cinema, a radio e a televisión. Máis recentemente, internet e a cultura das redes. Hoxe estamos na realidade dos algoritmos e a intelixencia artificial.
Nese proceso histórico o discurso dominante foi sempre o da liberdade e a democracia. Canto máis informados estean os cidadáns, máis libres e máis capacidade teñen para dispoñer de opinión fundamentada. A alfabetización universal, apoiada nos sistemas públicos de educación, era un factor fundamental para continuar ese proceso, que se consideraba lineal e inequívoco. Saber ler, acceder á información e ao coñecemento a través da lectura era o principio básico.
Hoxe estamos noutra cousa. En realidade hai tempo que a derivada vén noutra dirección. A radio e a televisión introduciron a cultura de masas, pero sobre todo a idea de entretemento. Daquela empezamos a falar de consumos, máis que de audiencias. O entretemento, a diversión, a oferta para pasar o tempo, o espectáculo foron desprazando progresivamente a información, e na medida en que as empresas compiten nos mercados e necesitan audiencias para ingresar recursos, inicialmente a través da publicidade (agora tamén a través da comercialización de datos), o que entendiamos inicialmente por xornalismo perdeu a batalla de masas no marco máis amplo da comunicación e o ocio. Unha comunicación que non é inocente.
O entretemento, a diversión tamén teñen ideoloxía, constrúen a realidade, conforman a maneira de pensar das audiencias (todos nós) e, xa que logo, avivan comportamentos sociais.
O novo desafío fundaméntase na intelixencia artificial: a capacidade da máquina para construír realidade independentemente da vontade do ser humano e, xa dende agora, a capacidade para programar a oferta dos discursos en función das audiencias, mesmo para orientar (manipular) as preferencias das mesmas e, sobre todo, para guialas en función dos intereses do poder (económico e tamén político) que controla o sistema.
Neste mar da confusión, nunca o xornalismo (procura e exposición crítica dos feitos) foi tan necesario.