Os cabodanos veñen marcados polo tempo, non polo organizador da lembranza. O cincuentenario da morte de Franco é unha oportunidade para tratar do pasado incómodo con fundamento histórico. A nosa memoria sobre a ditadura estivo, en parte segue estando, secuestrada pola ditadura instaurada en 1939. Memoria e ditadura foron gobernadas polos golpistas de 1936, que ocuparon as máis altas instancias do Estado ata 1975.
Os historiadores profesionais e académicos, por pura deontoloxía, estamos encantados de dar a coñecer as nosas investigacións, de que o coñecemento do pasado esperte interese público e de que poida captar a atención. Como expertos estamos obrigados a indagar, coñecer, interpretar e explicar o pasado, e comprácenos que ese coñecemento vaia formar parte intensamente do debate social. Era visto, a única dúbida era se a iniciativa partiría dos defensores da democracia ou dos xustificadores da ditadura. Confiamos que un coñecemento rigoroso do pasado poida empezar a distinguirse da ficción e a ego-memoria. Só en España as librerías mesturan novela —ficción— e historia —non ficción— nos mesmos estantes.
A proposta gobernamental, 50 anos. España en Liberdade, resultou polémica por dúas razóns de conxuntura e unha de longo prazo. O PP está en campaña sen cuartel contra o Goberno e, como explicaron, este asunto «desvía a atención» do que interesa partidariamente aos populares. Vox é unha novidade que condiciona ao PP como a toda a dereita e a esquerda europeas. No longo prazo, a dereita democrática española segue tendo a súa memoria secuestrada polo franquismo. Innecesariamente. Agás excepcións, por idade, por convicción e por acción non son franquistas nin moral nin socioloxicamente. Cantos voceiros populares escoitamos —ata agora— defender a Franco?
O asunto é complexo pero pode resumirse. Un: AP —a segunda xeración do Movimiento— non fixo a Transición, padeceuna, pero despois de 1982 deglutiu toda a dereita. Empezou polos non franquistas de UCD (Alzaga, Herrero, Cavero, Gil Robles fillo...) tardou máis en papar á terceira xeración do Movimiento, os Suárez e Martín Villa que pilotaran a Transición. Dous: a memoria dominante no franquismo foi a moi perigosa dos verdugos de 1936, xestionárona manipulando o pasado para esvaer a súa responsabilidade no que despois de 1945 se identifica como crimes contra a humanidade. Tres: o antifranquismo sociolóxico e partidario considerou franquista a toda a dereita —agás en Cataluña e País Vasco—. Galicia é caso a parte, como amosa o acordo de devolución de Meirás ou a homenaxe deste Ano Castelao.
En 1975 uns celebraron que Franco finara, outros saíron á rúa con cadeas e pistola. No 2025 necesitamos coñecer e entender. A Constitución non caeu do ceo, saíu dun conflitivo proceso histórico, con mobilizacións, mortos, terrorismo, golpe. A historia enteira. Quen brindou pola morte de Franco loitaba pola liberdade dos presos, confiaba que non houbera máis fusilamentos, agardaba saídas de presos. Co indulto do día 25 saíron 430 dos 2.000 presos políticos —e miles de comúns—. Moitos do Réxime tamén esperaban. En 1975 a morte de Franco era a esperanza da liberdade. Si.