Lalachús e a liberdade de expresión

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

RTVE

14 ene 2025 . Actualizado a las 15:14 h.

A ver, digámolo claro: Abogados Cristianos, Hazte Oír, El Yunque e todas esas plataformas que te denuncian a nada que te despistes non son organizacións ás que lles preocupe a moral, o cristianismo, a palabra de Xesús, a ética, os valores ou a súa tía Antonia. Son grupos de ultradereita que destinan millóns de euros ao ano a tentar crear un clima de violencia social, de ruído, de liorta, para que se socaven os principios da convivencia, todo se esfarele e, coma leva sendo dende os anos 20 de hai cen anos, os fascismos suban e os dereitos tan duramente conseguidos se eliminen. Non están aí para construír. Están para destruír. Non lles preocupan os sentimentos dos crentes católicos. Son a escusa para demolelo todo.

Á Lalachús, a presentadora, con Broncano das uvas de TVE, os Abogados Cristianos (que non denunciaron nin a un só cura pederasta, válgame Dios) puxéronlle unha denuncia, segundo eles, por ofender os sentimentos relixiosos ao amosar unha estampita na que tuneaba ao Sagrado Corazón na vaquilla de El Grand Prix. En fin. O de menos, insisto, é que a eles lles pareza que iso é ofensivo. Non saben o que é a liberdade de expresión, pero, en todo caso, a relixión é un asunto privado. Crer en Deus, ou nos señores Jedi, ou en Elvis (nos Estados Unidos hai igrexas para os Jedi e para Elvis) é un asunto que compete á intimidade de cada un, e non debe ser tomado nunca como un asunto público. Son crenzas. Non teñen máis valor ca iso. Porque, seguindo esa lóxica, se un famosete de, eu que sei, Gran Hermano, di, poño por caso, «la lectura me da asco», eu, que teño a crenza de que a lectura é unha cousa sagrada, importante e case mística, debería presentar unha denuncia porque me sinto realmente ofendido.

No ano 1963, Hugh Hefner, editor da revista Playboy, foi levado a xuízo, aínda que saíu absolto, por «obscenidade». O pretexto foi que publicaba fotos de mulleres espidas. A realidade era que estaba publicando reportaxes apoiando a Martin Luther King, contra a segregación racial e a favor dos métodos anticonceptivos e o aborto libre, seguro e gratuíto. Saíu absolto por moi pouco (7 votos a favor contra 5) e foron moitas as asociacións que hai sesenta e pico anos se posicionaron nese xuízo contra el e contra, no fondo, a liberdade de expresión. Seis décadas despois estamos igual. Ou diría que estamos peor. Elon Musk programa o seu algoritmo para condicionar as eleccións en Alemaña. Zuckerberg anuncia que Facebook xa non vai verificar a verdade ou non do que alí se escriba.

Si. Estamos peor. Moito peor.