![](https://img.lavdg.com/sc/VL9Xxb0kjuZqOAMF7TYksAEmUB8=/480x/2025/01/17/00121737137041762153632/Foto/j_20250117_190119000.jpg)
Chámase Noah Higón e estes días sae en todas as redes sociais, todos os xornais... Apareceu como público nun programa de televisión de moda. O seu carisma e o que dixo fixeron que o equipo do programa buscase quen era esa moza tan interesante. Acabaron por convidala para ser entrevistada e ese foi un dos mellores programas que fixeron xamais. Un programa branco, sen ostentación, sen buscar a notoriedade nin entrar na guerra das audiencias.
Noah é unha moza normal e ao mesmo tempo especial. Padece sete enfermidades raras, ten case un cento de cicatrices polo corpo e un sorriso fermosísimo. Atrapounos a todos coa beleza que vai máis alá da calidade física, ese xeito de comportarse e amosarse. Utilizou palabras calmas e aguzadas coma frechas que se cravan o xusto para ferir e permitir sorrir. Falou da necesidade da investigación, da ciencia... de como ela está aquí, contándonolo, grazas a todas as persoas que traballan por un mundo mellor. Reclamou melloras. Contou a súa experiencia e, mentres aos telespectadores nos daban ganas de chorar e saír correndo para apertala, ela adobiábao sempre cun sorriso. Brillábanlle os ollos en todo momento.
Vai lección de superación. Tremenda. Por iso foi un gran programa. Pola naturalidade, pola dureza da vida, coma ese frío do inverno que nos acompaña nos encarnizados amenceres de inverno. Porque a beleza pode ser moi dura, si. Pero ela sabe atopala en cada recuncho, en cada cousa sinxela.
Que non sexa aplauso efémero, que a luz de Noah nos guíe moito tempo.