No 2024 conmemoramos o centenario da proclamación de Avelino Cachafeiro como «o mellor gaiteiro de Galicia» nun certame celebrado en Compostela, durante as Festas do Apóstolo; e o pasado día 7 cumpríronse 75 anos do pasamento de Castelao no exilio. Castelao e Avelino eran amigos, e cando o gaiteiro acadou o premio faltoulle tempo ao debuxante e escritor para dedicarlle un artigo ilustrado no xornal Galicia. O Consello da Cultura Galega viu a ocasión de lembrar as dúas figuras nun mesmo acto e contou co músico e investigador Rubén Troitiño para falar da traxectoria artística de Avelino desde o comezo na súa aldea de Soutelo de Montes, e comigo para tratar da arte gráfica de Castelao e desta ilustración en concreto. Eu titulei a miña intervención Arte europea para Avelino Cachafeiro, que semella un título fachendoso para un deseño tan pequeno, pero demostrei que era axeitado e o recordatorio quedou moi ben.
O que pasa é que estes días ando cun libro colectivo espléndido, titulado A música represaliada, editado pola Deputación de Pontevedra, que recorda os moitos músicos asasinados en Galicia des que triunfou o Alzamento e «os falanxistas do sangue», compinchados con policías e gardas civís tan viles coma eles, encheron as cunetas de cadáveres. Ningún consello de guerra condenou a ninguén por tocar a gaita ou o tamboril, pero si por ser músico afiliado a un sindicato, a un partido integrante da Fronte Popular ou ter feito campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Dos que sufriron penas de cárcere, o nome de Luis Brage, prestixioso compositor e director compostelán, oíno desde neno na miña casa; coma o do meu paisano, o excelente violinista Xesús Dopico, exiliado en México. Pero outros de homes e mulleres igualmente importantes coñecinos neste libro, que cumpre unha das funcións para as que foi creada a Lei de Memoria Histórica.
O arquiveiro do coro coruñés Cántigas da Terra conta unha anécdota interesantísima. En xuño de 1939 Franco visitou a Coruña e as autoridades artellaron unha cea no Teatro Rosalía de Castro, amenizada polo coro Cántigas da Terra. Ao remate, Franco asinou salvocondutos para todos os membros da agrupación, que os ampararía ante calquera actuación policial.
Os autores do capítulo dedicado á Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra recordan que en 1931 acudiu a Madrid para actuar no Teatro da Zarzuela e gravar uns discos. Na coral cantaban Castelao e Alexandre Bóveda, e entre os galegos que os recibiron estaban Calvo Sotelo, Álvarez de Sotomayor, Wenceslao Fernández Flórez… Cinco anos despois os cabalos da Apocalipse romperían traxicamente aquela relación. Avelino Cachafeiro salvouse e eu alégrome de poder pintalo vello a carón de Castelao.