O cooperativismo en Galicia consolidouse nos últimos anos como un piar fundamental da súa estrutura económica e social. Neste contexto, as cooperativas de traballo asociado (CTA) destacan como un modelo empresarial de autoemprego, materializado a través de empresas autoxestionadas que promoven a participación democrática e a sustentabilidade económica e social. Estas cooperativas, que representan máis do 80 % das novas entidades cooperativas creadas, convertéronse nunha ferramenta clave para o desenvolvemento rexional e a xeración de emprego. No ano 2024, Galicia acadou un máximo histórico coa constitución de 171 CTA, dun total de 190 novas cooperativas.
Desde 2014 constituíronse 930 novas CTA, xerando máis de 2.500 empregos, consolidando este modelo como un alicerce esencial para a economía e o emprego en Galicia. No ano 2023, Galicia situouse como a terceira autonomía en número de novas cooperativas de traballo creadas, con 126 empresas, o que representa o 11 % do total estatal. Este dinamismo reflicte a capacidade do cooperativismo galego para enfrontar os retos económicos actuais e o seu papel como motor de desenvolvemento social e económico.
O cooperativismo superou modelos tradicionais para asentarse en sectores estratéxicos como as enerxías renovables, a tecnoloxía, a educación, os coidados e a cultura. Estas cooperativas diversifican o tecido empresarial galego e ofrecen solucións innovadoras ás necesidades sociais. Este modelo combina innovación e sustentabilidade, liderando unha transformación cara a unha economía inclusiva e resiliente.
As cooperativas tamén son ferramentas clave para afrontar retos globais como a transición enerxética, a dixitalización ou o acceso á vivenda. Xeran emprego de calidade, sen precariedade nin fendas salariais, e promoven a igualdade de xénero: máis do 45 % das novas persoas socias son mulleres. Isto convérteas en exemplos de inclusión e xustiza social.
O recoñecemento de 2025 como Ano Internacional das Cooperativas reforza a importancia deste modelo para o desenvolvemento sustentable e economías máis xustas. Baixo o lema «Cooperativas para un mundo mellor», Galicia, co seu liderado cooperativista, desempeñará un papel destacado nesta celebración internacional. Traballemos xuntas e xuntos para que os valores do cooperativismo sigan marcando o camiño cara a unha Galicia centrada nas persoas.