
Desde a Xunta sempre traballamos para promover e protexer o patrimonio cultural galego, e o Arde Lucus é unha das nosas xoias. Declarada Festa de Interese Turístico Nacional desde 2017 e celebrada desde 2001, non só representa unha recreación histórica única, senón que tamén pon a Lugo no mapa internacional, atraendo turismo e xerando impacto económico e cultural. Por iso sorprende e decepciona a decisión do Concello de Lugo, gobernado polo PSOE e o BNG, expresada polo concelleiro Jorge Bustos, de bloquear calquera promoción desta festividade en Fitur, unha das maiores plataformas de proxección internacional.
As asociacións históricas, que son a alma do Arde Lucus, pedíronnos colaboración para levar pequenos actos representativos a Madrid. Desde a Xunta en Lugo, coa mellor intención e vontade, escoitamos a súa solicitude, demostrando unha vez máis o noso compromiso con esta celebración e coa cidadanía. Lonxe de buscar protagonismo, a nosa intención era e é sumar esforzos para dar ao Arde Lucus o lugar que merece.
Sen embargo, atopámonos cun Concello que parece máis preocupado por protexer o seu control político que por defender unha festa que transcende cores partidistas. En vez de aproveitar a oportunidade para unir forzas, vemos como afloran celos políticos e decisións que prexudican a Lugo e a súa cidadanía. O Concello levou o Arde Lucus a Fitur no pasado con gran éxito, incluso organizando desfiles no centro de Madrid. Por que este ano cambia o discurso? Por que se frea unha iniciativa lexítima e positiva que partiu das propias asociacións?
A cultura e o turismo son motores de desenvolvemento. Desde a Xunta seguiremos traballando para promover o mellor da nosa terra, fomentando a colaboración e deixando de lado disputas que só prexudican aos galegos. Pedimos ao Concello de Lugo que recapacite e priorice o interese común sobre as diferenzas políticas. O Arde Lucus non é propiedade de ninguén; é de Lugo, de Galicia e de todos os que aman a nosa historia.