
Alonso Montero rematara a súa intervención nun curso da Universidade Menéndez Pelayo, na Coruña. Parouse cun grupiño de xornalistas. Falaron da situación do galego. Preguntas. Comentarios. Vivencias. «Xa me gustaría ir con vostede á discoteca...», espetoulle a María, unha xornalista espelida e guapa. Gargallada xeral. Pero non, o profesor non estaba facéndolle as beiras a María. O de ir á discoteca era «para ver se o seu mozo alí fala en galego con vostede». Lembrei con María aquel feito despois da historia de Luisana e Antón, «neofalantes que salvan a lingua», titulaba o YES. Ela de Venezuela e el de Bertamiráns fan do galego «o primeiro idioma, polo menos na nosa relación».
Namorados en galego. Eles sendo bebés non escoitaron aquela cantiga de berce de Tareixa Novo, voz de Fuxan os Ventos, nun galego de medio século atrás: «Durme meu neno durme, / sen máis pranto, / que o tempo de chorare, / vai pasando. /(...) Durme meu neno durme, niste colo, / que esta terra de escravos non ten odio. / Ten séculos de espranza, agardada, / que pon hoxe nos fillos que amamanta».
Leva un tempo o impaís, que diría o´Rivas, alporizado polo futuro do galego. Os inxenuos pensamos que é cousa de namorar, de querer a lingua, de falala, de amosar a súa beleza, de acariñar con tantas palabras xeitosas como temos. De engaiolar, nunca de impoñer. A lingua é sentimento, corazón, a cerna da alma galega. Non é unha liturxia baleira para as leiras políticas ou culturais.
O galego é dos soñadores. En San Sadurniño o cura Ramón Díaz Raña e o grupo Saraibas soñaron un certame de nenos de toda Galicia, cantando en galego.
Foi Cantareliña e desapareceu. Ou segue viva? Porque o músico Abe Rábade e a escritora María do Cebreiro estiveron entre as nenas e nenos que durante oito anos deron vida a aquel soño que tiña por lema «Mentres canten os meniños, Galicia será inmorrente».
Que imos facer co galego? Querelo. É o noso. O das cantigas de berce. O de Cantareliña. O das cantareiras. O das resucitadas regueifas. O dos que rezan ao Noso Pai. O da rapazada de hoxe empurrando iniciativas como «Aquí fálase galego». O dos namorados: di a poeta Elsa Moreno, que os bicos danse coa boca porque é onde brotan as palabras. Coa lingua galega os bicos son máis sentidos e as palabras... namoran.