Ese descaro

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EUROPA PRESS | EUROPAPRESS

05 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambiamos moito como sociedade. Hai múltiples exemplos que o atesouran. Poderiamos escoller outro, pero a min vénseme hoxe á cabeza o da descuberta do ladrón. A reacción máis habitual era a de vergonza. Non só roubara e cometera un delito, é que, por riba, se soubera. Hoxe a escena sería totalmente diferente. Xa non se rouba tanto por necesidade coma por usura. Se se descobre o pastel, o infractor aínda ten máis que dicir. Non só se intenta negar o evidente, senón que vai máis alá. As opcións bailan entre facerse o tolo, presumir do feito ou incluso retar a quen o denuncia ou rexeita.

Pensei en todo isto logo de ver parte das declaracións que fixo o irmán de Pedro Sánchez á xuíza encargada da investigación sobre o seu posto de traballo. Non soubo dicirlle cal é a finalidade da entidade da que el é xefe, nin tampouco onde estaba localizada a súa sede. Asegurou que, pese a ser xefe, non ten subordinados, pero si colaboradores. Só puido precisar o nome dun deles, do que descoñece o seu posto. E... podería seguir.

Imos ver. Se sabe que está no punto de mira, como non se lle ocorreu estudar todas as funcións, xerarquías, persoal e proxectos que se desenvolveron mentres traballaba alí? Non facelo amosa unha desidia tremenda e unha falta de respecto. Dálle igual absolutamente todo. Nin disimular, nin caerlle a cara de vergonza. E diría que isto é o que máis nos doe á xente da rúa: o descaro. O problema é que está instaurado no país. A ver como se erradica agora.