![](https://img.lavdg.com/sc/QQLEAzmDQSbu9XVsAT05ZM6gUKQ=/480x/2025/02/04/00121738697761701605368/Foto/eup_20250204_141643111.jpg)
A redución da xornada laboral aprobada polo Consello de Ministros é unha medida de extraordinaria relevancia que xustifica, por si mesma, unha lexislatura. En España a xornada legal máxima está estancada en 40 horas semanais desde xuño de 1983, hai máis de 41 anos. Estamos diante dunha anomalía, porque nestas catro décadas producíronse transformacións moi profundas da realidade económica, produtiva e laboral do noso país.
Con todo, a xornada real, a que se pacta nos convenios colectivos, si se foi reducindo, pero de forma insuficiente, excluíndo aos sectores con menor capacidade de negociación e, ademais, esta dinámica parouse a partir do 2009 coa crise financeira e as políticas de austeridade e desvalorización salarial.
Poñéndolle cifras, en Galicia, o 10 % das persoas asalariadas teñen xornadas pactadas inferiores a 37,5 horas semanas, pero a inmensa maioría, o 90 % das que están cubertas por un convenio colectivo, traballan por encima desta cifra. De feito, a xornada media é de 38,4 horas semanais, similar á media do Estado.
Reducir a xornada máxima a 37,5 horas vai beneficiar de forma directa a máis de 600.000 persoas en Galicia e algo máis de 12 millóns no conxunto do Estado, que gañarán media hora diaria para vivir mellor. É unha medida de profunda xustiza social, porque vai equiparar a xornada das persoas que traballan no comercio ou na hostalería coas que o fan na banca ou na administración pública, beneficiando de forma especial ás mulleres e ás persoas máis novas.
Unha medida que sen dúbida é moi ambiciosa pero que está tomada no mellor momento posible. O PIB está a crecer por encima do 3 %, o emprego bate récords, crece a produtividade e a competitividade da economía española, con marxes e beneficios empresariais en máximos históricos. Acábao de recoñecer a propia Comisión Europea, afirmando que España é o país con maiores marxes para mellorar as rendas salariais, incluída a redución da xornada.
Pasar da xornada media pactada en convenio, 38,4 horas semanais, a unha xornada de 37,5 horas supón un incremento do custe laboral de apenas o 2 %, unha cifra menor que pode ser absorbida polo incremento da produtividade e un reparto mais equilibrado entre salarios e beneficios.
A intensa axenda laboral despregada polo Ministerio de Traballo nestes anos demostrou que mellorar as condicións laborais é bo para as persoas, pero tamén para a economía e as empresas. Fronte ás críticas que se realizaron no seu momento, a realidade é que os ERTE salvaron millóns de empregos, a subida do 54 % do SMI reduciu a pobreza laboral e a reforma laboral mellorou de forma extraordinaria a calidade do emprego. Grazas a estas medidas, a economía española encabeza o crecemento do PIB e do emprego na Unión Europea.
E volverá suceder coa redución da xornada laboral, que é a cuarta pata da gran transformación do mercado de traballo en España, que está detrás do éxito económico do noso país nun escenario internacional extraordinariamente complexo.
O Goberno español é hoxe unha excepción en Europa, porque está a adoptar medidas, especialmente no ámbito do laboral, que amplían dereitos para a cidadanía. Agora, reducindo a xornada legal máxima, convértese nunha referencia para toda a esquerda social e política europea, porque está a demostrar que a forma de confrontar á extrema dereita é con máis dereitos.