Caricaturista político

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O día que Forges me comentou que os humoristas gráficos somos os bufóns do noso tempo por podermos dicir en broma o que outros xornalistas non poden dicir en serio, recordeille entre risas que don Francés de Zúñiga, bufón de Carlos I, morrera asasinado por orde dalgún nobre irado polas súas burlas, e rimos os dous. Meses despois, a ultradereita enviaba unha bomba á revista satírica El Papus, que matou o conserxe e destruíu a redacción. Estabamos en 1977 e haberían de pasar 38 anos ata que os terroristas de Al Qaida fixesen outra barbaribade semellante no atentado contra Charlie Hebdo. Ata entón, en España, a agresión máis grave a unha publicación satírica protagonizáraa un grupo numeroso de militares que en 1905 asaltara a oficina e talleres da revista catalanista ¡Cu-Cut!, ao sentírense agraviados nunha viñeta que cuestionaba a valentía do Exército. Non só non foron castigados, senón que recibiron o apoio dos altos mandos e do rei Alfonso XIII, e meses despois as Cortes aprobaron a Ley de Jurisdicciones, pola que os delitos contra a Patria e o Exército serían xulgados por tribunais militares. Aboliuna Azaña en 1931, pero Franco recuperouna no Código de Justicia Militar de 1945 e estivo vixente ata 1980. Todo o humor, e especialmente o humor gráfico e a caricatura política, sufriron a censura da ditadura e non é certo que o humorista traballe mellor baixo esa presión. Certo é que sempre, mesmo en democracia, a relación humor-poder político é de mutua desconfianza.

Hai poucos días, o xornal El País publicou un artigo do escritor colombiano Juan Gabriel Vásquez, co titulo «El caricaturista político: ¿una especie amenazada?», no que comenta a dimisión de Ann Telnaes, prestixiosa viñetista de The Washington Post, despois que o xornal lle censurase unha caricatura con catro magnates idólatras, axeonllados ante a estatua de Trump e ofrecéndolle bolsas de diñeiro. Un deles era Jeff Bezos, propietario de The Washington Post. O autor do artigo coida que, coa submisión dos medios ao poder político, a arte da caricatura pasa por un momento preocupante, e eu estou tan de acordo que en xuño de 2019 publiquei nesta mesma sección un artigo comentando a decisión dos propietarios de The New York Times de prescindir das viñetas satíricas polo acoso da comunidade xudía, e remateino cunha reflexión: «Menos mal que nos queda Europa, de momento».

Si, «de momento», porque tamén en Europa a falta de talante democrático en autoridades civís, militares e relixiosas fai temer que o viñetista político crítico co poder sexa especie en perigo de extinción. Hai outro perigo, outra ameaza: o servilismo. En Venezuela, o presidente Maduro protagoniza un cómic, convertido no superheroe Superbigote, que, coa axuda de Deus, defende o pobo venezolano dos seus inimigos. Un noxo. Talmente como Trump.