Lugo adopta a Xesús Alonso Montero

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

15 feb 2025 . Actualizado a las 10:31 h.

A última vez que coincidín con Xesús Alonso Montero falamos de cidades onde pasarmos o resto das nosas vidas, e díxome con expresión facial e voz que revelaban fondo sentimento: «A min onde me gustaría vivir sería en Lugo». Imaxino a ledicia que sentirá ao ver recoñecido o seu labor docente na cidade que ama, co título de «fillo adoptivo». Mágoa que o BNG proxectase a sombra do rancor nun acto en que se deberían impoñer as luces da intelixencia e da xenerosidade. Era unha xornada para esquecer a confrontación que viña de moi atrás, a disputa dun espazo político entre o Partido Comunista de Galicia e a Unión do Pobo Galego primeiro e o BNG despois; na que todos cometeron excesos verbais.

É certo que o PCG tardou en entender as vindicacións do galeguismo e do nacionalismo galego, mesmo no eido da cultura e o idioma. Noutro artigo narrei como en 1973 tiven que enfrontarme aos dirixentes de Comisións Obreiras en Bazán para que nas asembleas informativas do convenio colectivo os sindicalistas que falaban galego non fosen increpados polos traballadores. Pero tamén contei que foi Xesús Alonso Montero quen pouco despois afirmou nunha conferencia en Ferrol que «para un obreiro, falar galego era tan importante como esixir un salario xusto», e trocou a mentalidade de moitos. Nunha entrevista recente, Xesús recoñécelles a Inma López Silva e Francisco Castro que en 1973 o PCG «estaba bastante alleo» a estas cousas do idioma, pero tamén di que el sempre foi un verso libre no partido. E iso é verdade. O home que en cinco anos escribiu catro libros e pasou a vida dando conferencias para informar, aguilloar conciencias e potenciar o uso do galego non pode ser o «españolista extremista» que, por ferilo, lle dixo Pilar García Negro.

O BNG está doído porque, recén nomeado presidente da RAG, Xesús recoñeceu en Radio Voz que o sector máis comprometido coa causa da lingua galega é o BNG, «pero —engadiu— fai como esas nais que tanto agariman os fillos que os abafan». Falaba das medidas que o BNG implantou cando accedeu ao Goberno, ás que un sector da sociedade era hostil. A cuestión é se esta polémica e as anteriores xustifican a negativa do BNG en Lugo. Eu coido que non, pero o papa Francisco Rodríguez e os seus cardeais acordaron que a homenaxe sexa anatema, e así será. Comentábao con Pepe de Redondela e fixo unha observación: «O malo é que esta actitude bate co discurso de Ana Pontón cando fala de altura de miras nun BNG que quere ser unha opción política para liderar Galicia, acollendo a todas as persoas que levan o noso país na cabeza e no corazón». Cando o repita deberá engadir: «A Xesús Alonso Montero non».